Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/09/2024 | Actualizada ás 19:16
O Álbum de Galicia, proxecto dixital que leva adiante o Consello da Cultura Galega, incorporou a biografía do compositor José Torres Creo, a cargo de Pablo Abreu Fernández. A biografía e a personalidade de José Torres Creo está marcada por unha profunda relación coa igrexa, tal e como explica Pablo Abreu Fernández na entrada biográfica, que xa se pode consultar na web do Consello da Cultura Galega.
Para o autor e estudoso da súa figura, "a súa obra musical está profundamente vinculada ao pensamento rexionalista, que alagaba as aulas dos seminarios de Santiago e Tui, que foi onde se formou tanto musical como humanamente". A entrada fai un percorrido pola súa biografía que leva a este neno nado en Pontecesures a ingresar no coro da Catedral de Santiago con dez anos.
Foi unha etapa intensa musical e persoalmente na que coñeceu aos violinistas Hilario Courtier, Eduardo Dourado, Manuel Valverde, José Gómez "Curros", ao clarinetista Anxo Brage Brage (pai dos pianistas Luís e Ángel Brage Villar), ao violonchelista José Basadre (posteriormente organista de Tui) e tivo como compañeiro de coro a Luís Taibo García, recoñecido compositor e médico santiagués.
Sete anos despois trasládase a Tui como organista substituto. Unha estancia na que fai moitas amizades, entre as que destaca o bispo e arcebispo Manuel Lago González, e inicia o seu traballo como compositor. Alí participa nos Xogos Florais que se desenvolven na localidade organizados polo Comité Central Rexionalista, con Murguía como presidente e Brañas de vicepresidente.
En 1892 trasládase a Vigo, onde se asenta definitivamente. Na cidade olívica crea unha capela musical denominada 'Capela Torres Creo', coa que actuará en funcións relixiosas de toda a provincia ao longo da súa vida e perdurará, despois da súa morte, ata principios da década de 1960 baixo a dirección do seu sucesor Mariño Gutiérrez Carballos. En paralelo tamén imparte clases de piano.
"A súa importancia na vida musical viguesa vaise a ver reflectida nas dúas homenaxes que recibe, unha en 1929 por parte da Agrupación Dramática Galega e outra en 1932 pola sociedade Agrupación Artística de Vigo" apúntase desde a súa entrada no Álbum.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.