Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2024 | Actualizada ás 13:29
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cargou contra a "axenda antigalega" que, di, pon en práctica o xefe do Executivo galego, Alfonso Rueda, ao renunciar a negociar unha quita de débeda e un financiamento "singular" para Galicia durante o seu encontro do pasado venres co presidente do Goberno, Pedro Sánchez.
Nunha comparecencia de prensa celebrada este luns no Parlamento galego, Besteiro acusou a Rueda de considerar que a Galicia "lle sobra o diñeiro", no que ve un síntoma de que o goberno do PP na Xunta "non sabe identificar cales son as necesidades" da comunidade.
Neste sentido, sinalou que ao longo do fin de semana o propio Rueda e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, ofreceron declaracións en cifráronas primeiro en 600, máis tarde en 700 e este luns en 800 os millóns que necesita Galicia para facer fronte ás súas necesidades de financiamento. "Iso si que é un proceso inflacionario e non o de Arxentina", aseverou o máximo responsable dos socialistas galegos, que cre que a Xunta renuncia a falar de financiamento singular "porque non teñen claros os números".
Para Besteiro, Rueda "renuncia" a unha consideración "singular" para Galicia mentres "reduce impostos a quen máis ten", "castiga a todos os cidadáns sen distinción" con medidas como o incremento do canon pola recollida de lixos aos concellos adscritos a Sogama ou mantén aos municipios "infrafinanciados".
Nesta liña, criticou o argumento esgrimido por Rueda de negarse a abordar a reforma do sistema de financiamento de forma bilateral e reclamar que isto se produza nunha Conferencia de Presidentes ou no Consello de Política Fiscal e Financeira, pois o socialista considera que ningunha destas dúas son as vías onde poida darse ao ser o primeiro un espazo que require de decisións "por unanimidade" e o segundo un organismo "consultivo".
"Rueda perdeu unha oportunidade moi importante de defender os intereses de Galicia porque decidiu mirar para outro lado", sinalou o socialista, que instou a PP e ao deputado do BNG no Congreso Néstor Rego a votar a favor da senda de estabilidade que chega á Cámara baixa este xoves.
"Alí verémonos todos", dixo Besteiro nunha mensaxe a populares e nacionalistas para que faciliten a aprobación obxectivos de déficit, débeda pública e a regra de gasto, paso previo á elaboración dos orzamentos xerais nos que, continuou, estarán os "proxectos" que PP e BNG "reclaman" para Galicia.
ALTRI
Cuestionado sobre a petición da líder do BNG, Ana Pontón, ao Goberno para que o proxecto de Altri non reciba axudas europeas canalizadas a través do Estado, Besteiro incidiu en que estas subvencións "non son discrecionales".
"As axudas son reguladas. Isto non é un "a ti de dou, a ti, non'", apostilou antes de afirmar que a súa "reflexión" é que o da multinacional portuguesa non é un proxecto que "encaixe" para recibir apoios europeos, pero que estes teñen unhas normas de funcionamento que deben respectarse.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.