Por Europa Press / Redacción | Vigo | 27/09/2024 | Actualizada ás 19:35
A frota española eleva as súas posibilidades de captura de bacallau en augas de Terranova para o 2025, segundo se acordou na 46ª reunión anual da Organización de Pesqueiras do Atlántico Norte (NAFO), que autorizou a pesca de bacallau na división 3L, que se corresponde coa porción norte en augas internacionais dos Grandes Bancos de Terranova, tras 32 anos de moratoria e de confirmarse o seu proceso de recuperación.
En concreto, a NAFO, onde participou o director xeral de Pesca Sustentable, Ramón de la Higuera, estableceu para esta zona un Total Admisible de Capturas (TAC) de 947 toneladas de bacallau para o conxunto dos países pertencentes a esta organización para 2025. Desta cantidade, 735 toneladas correspóndenlle á Unión Europea e, delas, unhas 160 toneladas á frota española.
Respecto das pesqueiras de interese para a frota española, aumentáronse para o próximo ano as posibilidades de bacallau na zona 3M, correspondente á meseta submarina de Flemish Cap, ata as 12.613 toneladas. Así mesmo, mantéñense as posibilidades de pesca de anos anteriores para a raia e brótola, mentres que as capturas de fletán negro terán unha lixeira diminución do 2,4 %, en aplicación da nova regra de explotación aprobada nesta reunión.
Durante este encontro, que tivo lugar en Halifax (Canadá), o Comité Permanente de Control e Cumprimento corroborou o bo cumprimento das medidas establecidas por NAFO por parte das diferentes frotas. Tamén se aprobaron melloras operacionais das iniciativas que se atopan en vigor, moitas delas a proposta da Unión Europea tras ser discutidas e consensuadas entre os Estados membros interesados. Ademais, analizáronse e aprobáronse as recomendacións dos grupos de traballo que reúnen a científicos, administracións pesqueiras, sector implicado e representantes de Organizacións Non Gobernamentais, en relación co enfoque ecosistémico en xestión de pesqueiras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.