Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 28/01/2025 | Actualizada ás 21:55
A ría de Arousa está morrendo (ou estana asasinando). Do frutífero lugar de produción marisqueira que foi no pasado, queda xa só o recordo na mente das poucas mariscadoras a pé que aínda aguantan vendo como ano tras ano sementan e sementan sen recoller practicamente nada. As ameixas de Carril, famosas no mundo enteiro, estanse a volver un luxo escaso, e os berberechos que antes medraban a moreas nos lombos do Ulla agora non son quen de chegar á idade adulta. Que está acontecendo? Como é posible que en menos dunha década a situación mudase tanto? Cambio climático? Contaminación? Mala xestión por parte da Administración? Dende o Galicia Confidencial falamos con María Porto, presidenta da agrupación de Mariscadoras de Carril, que nos conta como está a situación na actualidade, nun 2025 no que de 11 días que tiñan fixados no almanaque para saír mariscar, só puideron facelo 5, tendo que cancelar xa 3 e estando pendentes do que pasará o venres, tras o paso dunha nova borrasca polas costas galegas este mércores.
"A situación é desastrosa". Así nola define María, sen máis volta de folla. "Agora mesmo estamos afogadas", asegura. Conta que á falta de ventos do nordés, que son precisos para favorecer o crecemento do marisco e que cada vez son menos abundantes, súmanse tamén as cada vez máis numerosas e intensas borrascas e os temporais que azoutan cada pouco o litoral. "Ante este tempo a ameixa intenta protexerse e, no canto de alimentarse para medrar, o que fai é intentar sobrevivir", lamenta a mariscadora. Tampouco axuda nesta tarefa a contaminación que ten a ría nin o comportamento dos encoros. "A ameixa babosa, que é a propia de Carril, é a que peor resiste a auga doce, e nunha semana con salinidade a cero xa morre", explica María, que apunta a que "as outras especies aguantan algo máis a baixa salinidade, porque a xapónica é algo máis dura e a fina atópase máis no fondo". Pola súa banda, "o berberecho tampouco resiste moita auga doce porque se atopa máis arriba que as ameixas".
"LEVAMOS XA 3 ANOS SEGUIDOS BOTANDO SEMENTE E NON SACANDO NADA"
Pero, cando foi que comezaron a torcerse as cousas na ría de Arousa? María lembra que ela comezou ir mariscar no ano 2017 e "sacábase un salario máis ou menos digno, con meses nos que non gañabas moito pero podías ir tirando co que sacaras o anterior". Despois chegou a pandemia e "o marisco vendeuse a prezos altos, porque como non se podía saír mariscar, os prezos subiron". Pero, xa despois dese 2019, "a finais do 2020 tivemos unha riada e no 2021 chegounos outra". Botando a vista atrás, a mariscadora considera que "foi no 2022 o último ano no que traballamos ben, o último ano bo que eu lembre". E é que, de aí en diante, "no 2023 tivemos máis riadas e no 2024 seguimos na mesma liña". Ademais, de cara a este 2025 que está comezando, amósase pouco esperanzada, pois "xa comezamos tendo que anular días de traballo", lamenta. "A 28 de xaneiro, tendo traballado só 5 días en todo o mes, estamos pendentes aínda de se poderemos ir 3 días máis, dependendo da salinidade que nos atopemos".
Así as cousas, golpe tras golpe, o número de mariscadoras foi caendo en picado. Se cando comezou María no ano 2017 eran preto de 100 mulleres apañando, agora andan nas 60, e pendentes de varias xubilacións neste ano e nos próximos, o que deixaría a cifra na metade de profesionais en menos de 8 anos. "Para que te fagas unha idea, nós sementamos todos os anos entre 60.000 e 80.000 euros, sacados do noso peto, pasamos o traballo de vixiar o sementado, limpalo e velar porque ese marisco vaia arriba, pero, se cando leva xa un ano medrando che vén unha riada que che leva a maior parte da cría ou unha ouxa a come, alá vai o sementado, o gastado e o traballo", lamenta. Nesa situación, "só podes volver sementar e agardar aproximadamente outro ano e medio sen que pase ningunha circunstancia adversa para poder apañar", sinala María, que lembra que "fai anos tiñamos sempre feita unha cadea pola cal ías botando unhas ameixas e sacando outras". Lonxe quedan xa eses tempos, pois asegura que "levamos xa 3 anos seguidos botando semente e non sacando nada".
"ALGO TEN QUE HABER NO RÍO PORQUE ANTES OS LOMBOS DO ULLA ERAN UNHA ZONA MOI PRODUTIVA E DENDE O 2022 AS CRÍAS DE BERBERECHO NON MEDRAN"
No tocante a afectación das riadas sobre a ameixa, María explica que "fan que a auga se volva doce". Isto, que en calquera outro lugar xa suporía un problema de por si, en Carril aínda o é máis porque "nós estamos na desembocadura do río Ulla, o cal nos leva a ter unha mestura entre a auga doce do río e a auga salgada da ría que é a que lle dá ese sabor tan especial ás ameixas de Carril". "Se a esa auga doce lle sumas a máis doce que chega das riadas e os desencoros tras fortes choivas, pérdese o equilibrio de doce-salgada que precisan estas ameixas", explica a mariscadora. En concreto, no caso de Carril, o encoro que lles afecta directamente é o de Portodemouros, que aínda que non ten comportas, si realiza a turbinaxe para sacar a auga polos rebosadoiros cando chove moito. "Cando se poñen turbinar, no canto de ir soltando a auga pouco a pouco, sóltana toda de golpe, o que deixa a auga practicamente sen salinidade, o que remata de matar unha produción que xa estaba debilitada polas choivas", explica, e denuncia que "dende a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa levamos máis de 10 anos mandando escritos a Augas de Galicia e nunca se dignaron a contestar".
Pola banda da contaminación, María amósase convencida de que "algo ten que haber no río que mata a produción, porque nós antes traballabamos o 80 % dos días nos lombos do Ulla e, agora, levamos dende o 2022 sen pisalo porque as últimas veces que fomos xa non había nada, non chegabamos a facer nin 15 euros diarios, así que optamos por non ir directamente, porque se de 11 días ao mes que as mareas nos permiten traballar imos a sitios nos que non producimos, morremos de fame". Para esta mariscadora, resulta evidente que "algo hai no río, porque este era un sitio moi, pero que moi produtivo, un lugar que deu de comer a moitísimas familias, non só de Carril, senón de toda a ría de Arousa, chegando embarcacións de Rianxo, Cambados, Vilanova...". Esa falta de produción xa a sufriron cando se construíu a ponte para o AVE en Catoira. Nese tempo a ría estivo 5 ou 6 anos sen producir ningún berberecho. Pola contra, "no 2019 houbo un boom de berberecho", pero, "agora, de súpeto, outra vez non hai nada, só se atopan alevíns, berberechos pequenos que sempre rematan morrendo antes de chegar a adultos".
"OS LOMBOS DO ULLA ERAN O 80 % DA NOSA ZONA DE TRABALLO E AGORA SÓ NOS QUEDA A PRAIA, UNHA ÁREA MOI PEQUENIÑA QUE NON DÁ PARA TODO O ANO"
Deste xeito, quitando ese 80 % do terreo sobre o que traballaban as mariscadoras de Carril da ecuación, "só nos queda a praia, unha zona moi pequeniña na que non nos dá para poder traballar todo o ano, porque somos moitas mariscadoras (dentro das poucas que son en comparación con fai unha década) para un sitio tan pequeno". Como autónomas que son, as mariscadoras precisan gañar uns 50 euros ao día, como mínimo, en cada xornada de traballo. "Como dependemos de que a marea estea baixa, non podemos saír todos os días do ano faenar, polo que saímos uns 11 ou 12 días ao mes, de media", explica María. Con todo, evidencia que "vaiamos os días que vaiamos nós temos que pagar os nosos 320 euros todos os meses entre o pago da Seguridade Social e o da nova semente". Así, "se sacamos 50 euros diarios, multiplicados por 11 ou 12 días, estamos a falar duns 500 e pico euros ao mes; sacando eses 300 euros, quedamos con entre 100 e 200 euros limpos para levar para a casa". "Iso non é rentable e está facendo que moita xente marche do mar", lamenta.
De continuar a este ritmo de abandono da profesión, en 10 ou 20 anos non quedarán mariscadoras para ir faenar e, polo tanto, adeus á tan prezada ameixa de Carril. E é que, a día de hoxe, nin as propias mariscadoras queren que as súas fillas tomen o relevo, porque "con todo o que estamos sufrindo non queremos que elas pasen polo mesmo", sinala María, que tamén expón que "nin sequera cos cursos gratuítos que ofertan agora hai quen se anime a vir". Lembra que "eu, para entrar na agrupación, tiven que facer un curso que me custara 250 euros en Narón, co gasto de gasoil que iso conlevaba a maiores, e agora, nin sequera se anota xente nos cursos gratuítos". Deste xeito, calcula que actualmente a idade media das mariscadoras da agrupación de Carril ronda os 55 anos. Se en 10 anos todas estas mulleres se xubilan, estamos a falar de que en 10 anos a produción de ameixa de Carril ou ben desaparece ou ben queda nas mans de grandes industrias (que é o que elas sospeitan que a Xunta quere que pase).
"A ADMINISTRACIÓN NON ESTÁ FACENDO NADA PORQUE TAMPOUCO QUERE FACER NADA, QUERE BOTARNOS DO MAR E VENDERLLO Á ACUICULTURA INDUSTRIAL"
Fronte a isto, María lamenta que non teñen nin sequera axudas efectivas por parte da Administración. "Éncheselles a boca dicindo que se axudou ao sector pero, alo menos no noso caso, en Carril, estivemos pechadas pola riada de outubro do 2023 de febreiro a xullo e a axuda da Xunta foi de 2.400 euros para eses 5 meses, aos que sacándolle uns 1.500 euros que tivemos que seguir pagando de Seguridade Social e nova semente, quedábannos 800 euros para poder vivir e comer durante 5 meses", critica a presidenta da agrupación de Mariscadoras de Carril. Por outra banda, tamén denuncia que "cando se repartiu a famosa axuda dos 550 euros, esta non chegou a cubrir nin á metade dos mariscadores, porque os que estabamos traballando e nos 3 meses previos superáramos os 3.000 euros non recibimos nada (cousa que non era de estrañar tendo en conta que estaba polo medio a campaña de Nadal, época na que sempre soben algo os prezos)". Así as cousas, María amósase convencida de que "a Administración non está facendo nada porque tampouco quere facer nada, o que quere é botarnos do mar e vender o modelo de acuicultura industrial".
"Nós estamos explotando unhas concesións que non lles están sendo rentables, concesións de parques de cultivo que se dán por un tempo de 50 anos e que adoitan pasar de nais a fillas", asevera. A isto suma tamén as normas, moitas veces "absurdas", que lles impoñen dende a Xunta. Ao respecto, pon como exemplo a normativa que obriga a ter pechada entre 4 e 6 meses a zona que se semente na praia. "Se eu semento no meu parque de cultivo e quero ir a vindeira semana limpar ou rastrexar, podo facelo, e se quero ir aos 2 meses para remover o terreo e sacar o marisco que vale para vender, podo facelo; pero, se semento nunha zona de praia, non podo entrar nela por un tempo de entre 4 e 6 meses", apunta María, que asegura que, "tal e como estamos hoxe, o que precisariamos é sementar toda a praia, pero non podemos porque, por unha banda, teriamos que estar moitos meses na casa sen gañar un peso; e, pola outra, tampouco temos cartos para poder facelo". Fronte a esta situación, lamenta que "non hai vontade política para reverter a situación nin atopar solucións", xa que "pedimos unha reunión por activa e por pasiva co conselleiro e dixéronnos que non nos recibía porque para iso estaban as Federacións, Federacións que, aínda que está ben que existan, non están con nós nas praias vendo o que acontece".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.