Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2024 | Actualizada ás 16:24
O colectivo de xubiladas e os pensionistas da CIG concentrouse este xoves no sete cidades galegas para reclamar que a contía mínima das pensións sexa igual ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI).
O colectivo, que reclama un sistema público "forte" e pensións que permitan "vivir con dignidade e sen penurias", reclaman que se fixe por lei a igualación das pensións mínimas e do SMI, que debería ser de 1.253 euros que é o 60% do salario medio, tal e como se recolle na Carta Social Europea".
Tamén piden que se revaloricen conforme o IPC acumulado a final do ano e que se recupere o poder adquisitivo perdido coa introdución, en 2021, do índice do IPC medio.
O colectivo esixe, ademais, a derrogación da reforma das pensións, desde a de 2011 ata o último acordo de reforma deste ano, xa que consideran que "vai dificultar, aínda máis, o acceso á pensión para moitos traballadores e traballadoras".
No manifesto ao que deron lectura ao termo das concentracións, denunciaron que Galicia ten as segundas pensións máis baixas de todo o Estado, que a pensión media é de case 15 puntos menor que a contía media estatal, 173 euros menos ao mes, e que, de feito, a provincia coa pensión media máis baixa do Estado é Ourense.
Así, sinalaron que a pensión mínima contributiva na actualidade está fixada en 825,20 euros ao mes, mentres que a pensión mínima non contributiva é de 517,9 euros. "Calquera das dúas cifras, claramente insuficientes para unha vivenda mínimante digna dada a constante escalada de prezos", apuntou.
Ademais, a CIG indicou que as mulleres pensionistas galegas cobran de media 421,88 euros menos que os homes, situado a brecha de xénero das pensións no 33,6%. "Isto é así porque aos 65 anos a brecha das cotizacións é de 11 anos, xa que mentres que os homes teñen de media cotizados 35,6 anos, as mulleres teñen 24 anos e medio", apuntaron.
Xunto a isto alertaron de que actualmente, "ningún galego e ningunha galega cando chega aos 65 anos ten de media os 38 anos e medio que se requiren para poder xubilarse a esa idade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.