Traballadores do Concello de Ourense: "Todos os traballadores fomos humillados por este alcalde"

"Se a institución e a cidade segue camiñando é case un milagre producido polos compañeiros, polos que hai que estar orgullosos, e non pola xestión deste alcalde", destacan presentantes dos traballadores do Concello de Ourense

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2024 | Actualizada ás 17:57

Comparte esta noticia

Os representantes dos traballadores do Concello de Ourense compareceron este xoves ante os medios de comunicación para censurar a situación que atravesan e asegurar que "se a cidade segue camiñando é case un milagre".

Así o fixeron saber nunha rolda de prensa ofrecida no parque de bombeiros tras o anuncio na tarde deste mércores da integración de dez bombeiros para os servizos de emerxencia por parte do concello.

"Alcalde dimisión" pódese ler nunha pancarta que ondea sobre o parque, onde os representantes dos traballadores agradeceron "o compromiso, traballo e esforzo de todos os compañeiros ao longo destes anos" xa que "grazas a eles a cidade non se parou", pero "chega un momento no que hai que dicir basta".

"Temos compañeiros que levan sen cobrar polo traballo realizado máis dun ano en horas extras, temos compañeiros aos que se lles deben complementos específicos desde principio de ano e ademais todos os compañeiros e compañeiras desde que entrou este alcalde fomos masacrados, humillados e sometidos a escarnio público", manifestaron.

Neste sentido, como xa fixeron en ocasións anteriores, queixáronse do proceso de estabilización do persoal do concello, unhas negociacións que teñen como data límite de entrada en vigor o 31 de decembro deste ano "pero nin están nin os esperan".

"Estivemos calados, pero chega un momento neste proceso que unha pinga colma o vaso", sinalou desde a Xunta de Persoal o presidente, Javier Novoa, que afeou "os movementos indiscriminados" de traballadores "baleirando servizos para encher outros".

"Se a institución e a cidade segue camiñando é case un milagre producido polos compañeiros, polos que hai que estar orgullosos, e non pola xestión deste alcalde", subliñou.

CRITICAS AO ALCALDE

Por todas estas situacións xa hai semanas que anunciaron que acudirán a folga os días 31 de outubro e 4 de novembro, unha decisión que molestou ao rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, quen mediante as súas redes sociais tachou aos traballadores de "carotas" e a través dun comunicado expuxo que teñen "mala fe e picaresca" porque seleccionaron unhas datas "inmediatamente anterior ao venres 1 de novembro, día festivo, e posterior ao fin de semana".

A esa folga volveron a facer referencia hoxe os representantes sindicais indicando que onte tiveron unha reunión coa administración para nomear servizos mínimos e que nela o alcalde "demostrou a súa incompetencia".

"Fomos os representantes dos traballadores quen tivemos que ampliar os servizos mínimos que este señor e esta administración impuñan", apuntaron desde a Xunta de Persoal, indicando que o exemplo máis claro é o servizo de extinción de incendios que para o 31 de outubro "estaba previsto que quedase con só 8 compañeiros cando sabe que o 31 é festa grande".

"Tivemos que corrixir e propor 11 compañeiros para que se pasa algo nesta cidade estea cuberta e non atendendo a delirios de grandeza". Ademais critican que desde as redes sociais acúsaselles de pretender pechar os cemiterios polas festas, algo que desmenten. "Nós vivimos en Ourense e temos familiares, achegados e amigos que están nos camposantos", engadiron.

"Se quere convencer aos seus acólitos é o seu problema, pero non se van a pechar os servizos, haberá servizos mínimos", garantiron, apuntando que traballará o 50% do persoal deses días.

"Como vedes temos un problema de xestión nesta administración, temos un problema de educación e un problema, que se está demostrando nos xulgados e vaise a seguir demostrando, de acoso aos traballadores con sentenzas que non son firmes, pero aí están", afearon os responsables dos traballadores.

Así as cousas, din querer transmitirlle á cidadanía que "somos suficientemente responsables para seguir traballando e temos un compromiso coa cidade, pero chega un momento no que a determinadas actuacións do noso alcalde hai que porlle freo".

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, durante unha sesión extraordinaria do Pleno do Concello de Ourense
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, durante unha sesión extraordinaria do Pleno do Concello de Ourense | Fonte: Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ferroviario

Jácome fala e actúa coma se o Concello fose unha taberna, e él o seu dono.