Por Europa Press / Redacción | FERROL | 28/10/2024 | Actualizada ás 15:10
O grupo de investigación Histagra da Universidade de Santiago de Compostela (USC) debullou este luns os detalles do Plan Cuadrienal de Memoria Histórica para este ano, que contempla unha nova intervención no cemiterio do Val (Narón). O obxectivo principal é confirmar a localización da fosa "máis grande de Galicia", determinar as súas dimensións e o seu grao de alteración.
Así o explicaron nunha rolda de prensa os historiadores Antonio Míguez e Conchi López, acompañados polo reitor da USC, Antonio López. A previsión do equipo é iniciar o 4 de novembro os traballos nesta fosa que Míguez cualificou de "caso paradigmático", debido á posterior construción de nichos enriba. Trátase dunha fosa na que, segundo indica o informe histórico previo, poderíanse atopar 51 persoas que foron asasinadas o período que vai desde o ano 1936 ata 1939. Ademais, a "gran maioría" destas persoas serían mariñeiros, oficiais e suboficiais da Mariña "que se opuxeron ao Golpe", polo que "non todos serán galegos".
Durante a rolda de prensa López debullou os diferentes traballos previstos para esta campaña, xa que ademais de terminar coa continuación dos traballos no cemiterio do Val, tamén teñen previsto intervir a partir do 18 de novembro na fosa de Cabreira (Salvaterra do Miño). Neste caso, sitúan a localización da fosa na contorna do cemiterio e estarían enterradas nela cinco persoas asasinadas o 18 de outubro de 1936, a hipótese coa que traballan é que se trataría de cinco veciños de Moaña desaparecidos no devandito ano.
RESIGNIFICACIÓN DE ESPAZOS
Así mesmo, este ano tamén teñen previsto traballar na "sinalización e memorialización" de dúas fosas intervidas anteriormente, localizadas no cemiterio de San Breixo de Celanova e no cemiterio municipal de Vilagarcía de Arousa. Conchi López tamén asegurou que en Soutelo (Salceda de Caselas) realizarán traballos de investigación histórica para localizar unha fosa "á que remiten os certificados de defunción" e determinar que hai persoas enterradas e a viabilidade dunha "próxima intervención e exhumación". Con todo, tamén se levará a cabo un acto coa familia de César Alberte, persoa desaparecida e buscada na fosa de Crecente, para así dar a coñecer o estado das investigacións.
CATRO ANOS DE TRABALLO
Por outra banda, o equipo "multidisciplinar" que traballa no Plan de Memoria Democrática está formado por diferentes profesionais que realizaron "numerosas accións" desde o ano 2021 en 11 fosas galegas. En definitiva, catro anos de traballo que envorcarán nunha publicación "que están a preparar" e na que participará todo o equipo. Ata agora atenderon as demandas de 27 familias e lograron identificar os restos de tres executados, aínda que contemplan que poderían ser sete pero non puideron confirmalo porque "non atopan ás familias".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.