Por E.P. | Ferrol | 28/10/2024 | Actualizada ás 17:13
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, informou este luns de que a Xunta de Goberno local aprobou "a licitación da subministración, instalación e mantemento dun cono luminoso de Nadal" que se situará, igual que o ano pasado, na Praza de Armas. O importe da licitación é de 32.944,62 euros.
Segundo o rexedor, a empresa adxudicataria deberá de fornecer o devandito cono, a modo de árbore de Nadal, que contará con sistema de iluminación e son, e que terá unha altura mínima de 18 metros, coa posibilidade de incluír textos personalizados, e con son sincronizado. "Os pases de música e luz serán de tres por día, e a potencia máxima de iluminación será de 12.000 watios", apuntou o rexedor ao termo da Xunta de Goberno.
Noutra orde de asuntos tamén se deu luz verde a dous aglomerados e un dique. Unha delas será na estrada de Catabois, entre a praza de Canido e a rotonda de intersección coa estrada FE-13, de case tres quilómetros, que será realizada pola empresa Canarga SL por un importe de 354.595,99 euros, unha actuación a iniciar antes de que finalice 2024.
Outro aglomerado será na rúa Doutor Baldomero Beceiro, en Serantes, de 750 metros, e que tamén será realizado pola mesma empresa, por un importe de 51.479 euros.
NOIRO
Por outra banda, realizouse "a adxudicación da obra de reforzo e saneado do noiro na parcela da Xunta Veciñal de Doniños", para desta forma realizar "a reparación do muro, o reforzo da pendente mediante pedra de dique, conservando o camiño de serventía e novas baixadas e canalización de augas para garantir a duración e seguridade tanto do muro como do camiño".
Esta obra será acometida pola empresa Sergonsa Servizos SL por un importe total de 200.084,39 euros. Ademais, tamén se aprobou "o proxecto técnico modificado para a cubrición da área de xogos infantís na praza do Inferniño". Rey Varela detallou que "foi preciso realizar unha modificación do proxecto inicial, xa que o custo elevábase a máis de 467.000 euros", unha cantidade que consideraban "excesiva".
Agora, deseñouse "unha cuberta que ofrece certa protección á área de xogos infantís fronte aos axentes meteorolóxicos", con "unha cuberta a catro augas duns 360 metros cadrados con estrutura de aceiro galvanizado e cuberta con policarbonato alveolar".
"Queremos que os nenos e nenas poidan gozar deste parque durante todo o ano e coa cuberta faremos fronte ás inclemencias do tempo", dixo o rexedor. A seguinte fase será sacar a licitación esta actuación que, segundo o proxecto de modificación, roldaría os 270.000 euros, "un 57% menos do previsto no proxecto inicial".
XUNTA EXTRAORDINARIA
Por outra banda, o Concello de Ferrol acolleu este luns unha segunda Xunta de Goberno, neste caso extraordinaria, na que se aprobou o proxecto de iluminación no estadio da Malata, tras recibir o informe favorable da Deputación da Coruña.
Rei Varela lembrou que "tras anos sen investimentos e de abandono", acométese agora "esta importante actuación, á que se sumará tamén a renovación da cuberta do estadio, que se inclúe no proxecto da Cidade do Deporte".
O popular destacou que "tras realizar estas subsanaciones" confían en que "a Deputación dea o visto e prace definitivo ao proxecto e conceda a subvención en pleno provincial para a súa achega de 750.000 euros", para desta maneira poder licitar esta actuación, xa que "o Concello de Ferrol xa ten feita a súa polo mesmo importe".
O sistema de iluminación actual do estadio da Malata é o orixinal e foi instalado en 1993. En novembro de 2023 realizouse unha inspección do estado dos equipos e sistemas de iluminación e subministración de enerxía, con obxecto de valorar o estado dos mesmos e a súa adecuación ao regulamento para a retransmisión televisiva da liga.
Así, realizouse a medición da iluminancia no terreo de xogo, que arroxou uns valores insuficientes para a función que deben cumprir e por iso decidiuse instalar unha nova, que ten un orzamento de 1.499.979,77 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.