Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2024 | Actualizada ás 14:34
A Consellería de Educación, Ciencia, FP e Universidades recoñece que a cifra de 204 aulas cuxo peche evitou o acordo para baixar os cocientes (asinado cos sindicatos CCOO, ANPE e UGT) foi "unha estimación" á vista dos datos do proceso de admisión e matrícula, pero sen existir "un documento coa relación detallada" de colexios que se viron afectados pola medida. Así consta nunha resposta da Subdirección Xeral de Centros a unha consulta realizada pola CIG-Ensino, principal sindicato no ensino público galego, a través dos mecanismos das leis de transparencia.
A organización pedira á Administración que lle remitise unha lista desas 204 unidades que, en palabras do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, en varias comparecencias públicas, lográronse "salvar" este curso coa rebaixa de cocientes que se aplica de maneira progresiva, por agora só en 4º de Educación Infantil (3 anos). A Consellería aclara, no documento que fixo público a CIG, que "se trata dunha estimación á vista dos datos que ía proporcionando o procedemento de admisión do alumnado", que é "dinámico e complexo", para o curso actual.
"O dato facilitado é un dato estimativo resultado da evolución do procedemento de admisión e tramitación das solicitudes tanto de admisión ordinaria, como extraordinaria ou de reserva, e da formalización de matrículas e a composición e estrutura dos centros", explica Educación. Por tanto, a Consellería inadmitiu a petición do sindicato porque "non existiu un documento" cunha relación detallada das unidades que se conservan en cada colexio pola aplicación do acordo.
A CIG ESIXE A DIMISIÓN DE RODRÍGUEZ
Tras esta resolución a unha consulta formulada polo secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, o sindicato pide a Román Rodríguez que rectifique publicamente e que considere "a súa dimisión" por considerar que "mentiu" e fixo "propaganda" con esta cifra que repetiu en varias comparecencias públicas e que logo "foi reproducida" polas outras tres organizacións que si asinaron o acordo. A central nacionalista critica que o conselleiro ofrecese "unha información total ou parcialmente falsa, sen preocuparse de que tivese un respaldo en datos que puidesen facerse públicos para contraslarlos, o mínimo que se lle pode esixir a un cargo público".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.