Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/11/2024 | Actualizada ás 13:25
A Xunta emitiu informe de impacto ambiental favorable ao proxecto para a construción da rolda sur-oeste do concello coruñés de Ordes, que conectará a estrada N-550 coa estrada AC-413. A resolución correspondente sairá publicada no Diario Oficial de Galicia nos próximos días.
Unha vez analizada a proposta para desenvolver esta actuación -dunha lonxitude de ao redor de 2,5 quilómetros desde a N-550 e a AC-413- e considerando as alegacións presentadas e os informes emitidos polos órganos sectoriais, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostenibilidade emitiu informe de impacto ambiental favorable ao considerar que non son previsibles efectos adversos significativos sobre o medio ambiente sempre que se adopten as medidas protectoras, correctoras e de vixilancia ambiental que se refiren no propio documento.
Con esta resolución, a Consellería de Medio Ambiente pon fin á tramitación ambiental do proxecto construtivo, unha decisión que tamén lle foi trasladada á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), como organismo promotor, para que poida continuar cos trámites necesarios para a súa execución.
O trazado da rolda sur-oeste de Ordes parte da intersección entre a estrada N-550, no punto quilométrico 36,900, e a AC-524 e vai cara ao suroeste ata a intersección da prolongación da rúa Coruña con acceso ao IES Maruxa Mallo. Desde este punto segue cara ao suroeste rodeando a parcela na que se atopan o cemiterio e o tanatorio ou o punto limpo, pasando nese momento a dirixirse cara ao norte ata a actual intersección entre as estradas DP-5903 e AC-413.
A maiores, o deseño inclúe un carril bici e unha senda peonil que discorrerá pola marxe esquerda da futura estrada desde a N-550 ata a primeira glorieta e pola marxe dereita desde esa primeira glorieta ata a segunda, dando así acceso peonil ata o cemiterio municipal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.