Redes sociais e desinformación, como o discurso do odio calla entre os máis novos

O discurso de odio cara as persoas racializadas, inmigrantes ou a discriminación por razón de sexo ou orientación sexual parecen vivir unha época de expansión. O acceso a discursos terxiversados, a mentiras ou loiadas e noticias descontextualizadas mediante a Internet está facendo pensar en se os máis novos van perdendo valores de convivencia e democráticos para deixarlle paso a valores totalmente contrarios á dignidade humana, sexa cal for o sinal identitario de cada ser humano.

Por Moncho Mariño | Santiago | 08/12/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O discurso de odio contra calquera minoría ou clase social parece ter encontrado nas redes sociais o mellor altofalante para expandirse. Xa non é só o odio contra as persoas inmigrantes ou LGBTIQ+ senón que agora as críticas van dirixidas a persoas de clase traballadora (clasismo), a xente que vive por debaixo do umbral da pobreza (aporofobia), contra a diversidade dos corpos (“gordofobia”) e, algo se cadra máis grave, perpetúanse os roles de xénero sexistas en case todos os produtos consumidos por xente nova (sobre todo adolescentes). De todas maneiras, algúns investigadores e investigadoras apuntan á falta de elementos de estudo sobre a influencia real da creacion de contidos deste tipo sobre os máis novos. Alén diso, se o discurso de odio se esparexe con facilidade pola Internet estamos diante dun fenómeno que pode influír de maneira negativa no desenvolvemento dunha sociedade aberta e democrática.

BANDEIRA LGTBI+
BANDEIRA LGTBI+ | Fonte: DEPUTACIÓN FORAL DE ÁRABA - Arquivo

DISCURSO DE ODIO

O espectro desta figura abrangue aquela comunicación negativa que busca denigrar unha persoa ou colectivos de persoas en base ás súas orixes étnicas ou sociais, sobre todo grupos ou colectivos que historicamente foron vulnerabilizados. Desta maneira, os xitanos, as persoas pobres, mulleres e o colectivo LGBTIQ+ son o albo de prexuízos que logo se poden manifestar nas novas plataformas que brinda a rede. O mesmo está sucedendo cos colectivos inmigrantes convertendo en pexorativo mesmo o substantivo (inmigrante igual a delincuente ou persoa que vén roubarnos o traballo), MENA (menor non acompañado) que era un tecnicismo, pasa agora a ser sinónimo de ilegal ou delincuente.

Outra das caras que ofrece o discurso de odio é o contrario á igualdade de xénero. “Intúese unha crenza dentro das Redes Sociais (RRSS) en que os homes heterosexuais están sendo discriminados por selo” di Sonia Díaz de AGARESO. A ameaza é dobre, segundo algúns discursos fragmentados favorecedores destas visións mais con liñas en común. Ditos discursos tamén atacarían á igualdade cara persoas dos colectivos de diversidade sexual. Desde o discurso de odio a igualdade entre homes e mulleres e colectivos LGBTIQ+ o que se interpreta é a decadencia social, a perda de valores como a familia tradicional e sobre todo, que ser home, heterosexual e (en Europa ou países do norte de América) branco é unha ameaza social cara este colectivo.

Relacionado co anterior, mais dentro dun contexto de “industria cultural”, os actuais patróns dalgúns estilos musicais parecen retrotraer á antiga fórmula de cousificación da muller. Isto nalgúns casos, mais tal como apunta Sonia Díaz “se lemos letras dos anos 70 e 80 vemos que son moito máis agresivas nese aspecto e aínda que os mozos e mozas escoitan letras machistas a situación é moi diferente”.

Ilustración antirracista
Ilustración antirracista | Fonte: Sos Racismo Galicia

A inmigración, pola súa parte, tamén sobre a repetición de patróns discursivos aos que se lles engade o feito diferencial. “Discursos como: 'todos os negros son iguais', buscan a deshumanización da persoa e buscan mostrala como unha ameaza” di Natalia Monje, responsable de comunicación da ONG Ecos do Sur. Esta narrativa explica que a diversidade é perigosa e outorgarlle dereitos ás persoas migrantes pon en perigo a sociedade en que vivimos.

XENTE NOVA, QUE FACER?

A xente nova, sobre todo pre e adolescentes, son dous colectivos sobre os que traballar en caso de buscar frear os efectos do discurso de odio. Este traballo non parece ser doado debido ás características dos grupos mencionados pois “están entre os seus iguais”, cousa que reforza a súa vísión do mundo arredor seu. E se calquera discurso pexorativo, disciminatorio ou contrarios aos valores de tolerancia e democracia se estenden entre eles é por que “hai unha repetición dese discurso de odio para que entre na sociedade” di Monje. Sobre a cuestión de igualde de xénero, por exemplo, “os mozos non son alarmistas, hai máis conciencia sobre o feminismo, mais existen discursos que os descolocan fronte o empoderamento da muller”.

Isto último mesmo se podería reproducir en contextos como as aulas cando non se lles permite ás alumnas ter voz, cando son criticadas pola maneira de vestir por parte de profesores e o alumnado masculino reproduce o discurso do profesor por ser unha voz “con autoridade”. Ou mesmo contra minorías racializadas, como o colectivo xitano, que non escapan dos estereotipos atribuídos por parte da maioría.

Se os discursos contrarios á igualdade e a tolerancia poden facer dano na mocidade, cal é a solución? “Aprender deles, aprender da xente nova escoitando as súas opinións e ideas” di Uxía Pérez de AGARESO. Escoitar a xente máis nova abriría portas sobre como entenden o mundo a día de hoxe e, sobre todo, de onde proceden os argumentarios que para eles son os correctos a día de hoxe. Tamén é necesario, segundo as fontes consultadas, coñecer as diferentes figuras dentro do abano da xente nova receptora deses argumentarios. “Temos tres categorías: lovers, quen acepta a diversidade e a apertura social; haters, aquelas persoas contrarias aos valores de tolerancia, igualdade e democracia e por último, o grupo maioritario, os ambivalentes que poden ser persuasibles ante os diferentes discursos e entre eles hai diversos graos” di Natalia Monje.

Desta maneira, existiría o risco de que as ideas alleas a unha sociedade plural e aberta poden estar en perigo se parte dos “ambivalentes” son convencidos polos discursos de odio. A orixe está moitas veces en que as persoas detrás deses discursos dispoñen de medios capaces de convencer, de crear algoritmos capaces de entrar nas nosas redes sociais, nas nosas buscas pola Rede e esparexer odio entre as persoas.

O discurso de odio ten un altofalante moi grande na Internet. Indirectamente, grandes corporacións da rede “permiten” a difusión deses discursos por abriren as súas canles de difusións baixo a premisa da “liberdade de expresión”. Aparecen así figuras (youtubers, influencers, pseudomedios, pseudoinformadores e desinformadores) que cun discurso simple, apelando ás emocións básicas e repetindo ese discurso varias veces acaban por ter unha audiencia que os siga cos seus 'likes' e comentarios. Só a educación en valores de tolerancia e democráticos, a escoita activa á xente nova e aos sectores víctimas de odio parecen ser solucións factibles contra o discurso de odio.

Manifestación polos dereitos humanos
Manifestación polos dereitos humanos
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta