Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2024 | Actualizada ás 13:51
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, volveu a reclamar ao Goberno central que "cumpra a súa parte" na atención á dependencia nunha sesión de control na que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o acusou de "vulnerar os dereitos dos maiores". O máximo mandatario autonómico e a líder do Bloque protagonizaron este mércores un cruzamento de datos sobre a situación da dependencia en Galicia durante o pleno do Parlamento de Galicia.
No debate, Pontón propuxo duplicar os equipos de valoración da dependencia e aumentar de 12 a 20 euros o financiamento do Servizo de Atención no Fogar (SAF) e acusou ao Goberno do PP de "estar a vulnerar os dereitos das persoas maiores", ao deteriorar a súa calidade de vida e tamén a das persoas que as coidan. Respecto diso, Rueda mostrouse " encantado" que "por cuarta vez en nove anos" Pontón "se preocupe polos maiores" e replicoulle á nacionalista que "non pode pedir que o SAF pase de 12 a 20 euros cando xa está en 14". "Se hai que aumentalo, será imprescindible que o Estado cumpra a súa parte", dixo Rueda, como "está na lei de dependencia".
"Non é cuestión de pactar, é cuestión de cumprir a lei", sostivo o popular, que se referiu ao pacto de investidura asinado polo BNG co PSOE como unha "carta aos reis meigos" para que "lle volvesen a tomar o pelo". "Tan brava aquí e tan mansa alí", dixo para asegurar que no "documento non existen referencias" á dependencia e que, "se existen", débenas "facer cumprir". "O Goberno da Xunta ten que facer a súa parte, pero todo o mundo ten que cumprir", sostivo para trasladar que durante o bipartito só se atendía a 15.000 persoas dependentes, mentres que hoxe a cifra sitúase en 77.000.
"Algo moito mellorouse", afirmou para trasladar que tamén se multiplicaron as prazas en residencias, hai tres veces máis prazas en centros de día...". "25.000 maiores atendidos no SAF, cifra marca a nivel nacional e tamén cifra marca de achega dunha comunidade autónoma. Que pena que o Estado non se senta partícipe nisto", manifestou. Rueda, que destacou que Galicia é "a terceira comunidade con mellor cociente de atención á dependencia", e dixo que "todas estas son cifras oficiais de verdade" e non as que Pontón "inventa". "E se non as inventa, polo menos manipúlaas", afirmou nunha intervención na que acusou ao BNG de non respectar aos maiores.
"A ESPERA DOBRA O PREVISTO NA LEI"
Pola súa banda, Pontón recriminou a Rueda a "grave deterioración" da atención ás persoas maiores, cun tempo de espera de 378 días de media para tramitar a dependencia, "máis do dobre do que indica a lei". Ademais, sinalou que existe unha lista de espera de 2.703 maiores esperando por unha valoración de grao, pola resolución de axudas ou polo acceso a unha prestación á que teñen dereito. A líder do BNG advertiu que, segundo os datos do Imserso, Galicia é a cuarta comunidade con maior tempo de espera e unha nas que máis crece este tempo de agarda. "Isto ten consecuencias para a vida real das persoas", dixo Pontón, que asegurou que non se trata de "simples números".
Tras trasladar casos de desprotección de persoas maiores e coidadores, lamentou que para que un dependente poida recibir o servizo de axuda" teña que esperar a que "outra persoa morra". Trátase dunha "crueldade intolerable", considerou. Pontón censurou que, despois de "14 anos" no goberno, o PP culpe ao BNG dos problemas da atención ás persoas maiores. Ademais, preguntoulle a Rueda "onde estaba cando Rajoy recortaba os dereitos e os recursos da dependencia". "Estaba no Consello da Xunta, calado e sen dicir absolutamente nada".
PETICIÓN DA PALABRA
Tras acabar as quendas de debate, a líder do BNG, Ana Pontón pediu a palabra ao considerar que había inexactitudes nas afirmacións de Rueda sobre a negociación da formación nacionalista co Goberno. Pontón asegurou que o acordo supuxo un compromiso para incrementar os fondos para a dependencia coa posta en marcha dun plan de choque entre os anos 2020 e 2023 con máis recursos para Galicia. "É a constatación de que en Madrid non lles fan ningún caso", replicoulle Rueda no peche da sesión, no que o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, volveu ser obxecto de protestas por parte da bancada popular por dar a palabra a Pontón.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.