Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2024 | Actualizada ás 14:50
Un informe elaborado pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria da Xunta de Galicia cifra nuns 170 millóns de euros ao ano o impacto económico de integrar aos asegurados de Muface no sistema sanitario público galego. Tamén expón que suporá un aumento de 11,4 días nas esperas cirúrxicas e de 4,3 nas consultas co especialista. Así o expuxo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que demandou ao Goberno central "rigor e responsabilidade" no caso de que se produza, finalmente, o transvasamento destes funcionarios.
No mesmo insistiu, antes da presentación do informe, o titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, quen alertou que implicará un "aumento de actividade e necesidade de incrementar recursos e persoal sanitario". "Isto require información e planificación e non se está dando", reprochou ao Ministerio de Sanidade para apostilar que espera que se lles facilite na conferencia de presidentes do día 13 información. "Que a día de hoxe brilla pola súa ausencia", engadiu.
En similares termos pronunciouse o conselleiro de Sanidade, quen recalcou que "se se produce o transvasamento ten que vir acompañado de diñeiro", á vez que expuxo que, de ocorrer, ten que facerse de forma "progresiva, ano a ano" para "non colapsar" o sistema. Fronte ao que cualificou como unha chapuza, usando o termo en concreto de "trapallada", esixiu rigor ao Ministerio.
CONCLUSIÓNS DO INFORME
E é que, segundo o estudo da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, son uns 58.300 os funcionarios que agora están con Muface, cunha media de idade de 56,8 anos, e con maior presencia na Coruña, con case 14.000, e menor en Ferrol, con pouco máis de 3.200. O conselleiro remarcou o dato de que 10.250, do total de asegurados, teñan "máis de 75 anos". En base aos resultados do informe, situou entre "un dous e un tres por cento" o incremento que habería na actividade asistencial, en concreto dun 2,2 por cento na de Primaria. Nesta, estímase que o gasto anual sería de 49,6 millóns de euros e na hospitalaria de 67,9 millóns de euros.
"5.500 intervencións máis", citou, entre outros datos sobre a repercusión que tería e ao que sumou outros como o aumento en consultas externas ou probas diagnósticas. "Superariamos o millón de receitas máis, cada ano 51,8 millóns de euros máis en gasto farmacéutico", sentenciou. A isto, engadiu outras cuestións como que o sistema privado non teñan unha historia clínica electrónica, como si a ten o Sergas, e ao considerar necesario que se incorporase o dos últimos cinco anos das persoas integradas en Muface.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.