Nesta web utilizamos cookies propias e de terceiros para prestar os nosos servizos, contabilizar as visitas, mostrarlle publicidade relacionada coas súas preferencias e integrarnos con varias redes sociais. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode consultar a nosa información detallada.
Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 20/02/2016
Manuel Iglesias Turnes estreouse como escritor en 2012 -cando xa tiña ben cumpridos os sesenta- cunha novela,As rapazas de Xan, que narra a vida nunha aldea de Galicia na primeira metade do século vinte. O relato, que tivo unha excelente acollida reflectía con veracidade as peripecias vitais da xente do rural na época dos pais e dos avós do narrador. Agora entréganos a súa segunda obra,Que non te aten, na que fai un acaído retrato do mundo rural galego nos tempos de hoxe desde a ollada da mocidade actual, a que se correspondería coa xeración dos fillos do autor. Volve a sorprender nesta segunda entrega narrativa. Demostra unha boa pericia como narrador e confirma a súa vocación literaria.
Que non te aten é unha novela de amor e desamor narrada como unha historia lineal na que o narrador/protagonista vai relatando a vida dun grupo de mozos/-as do medio rural. A acción discorre en Cabanas (parroquia do concello de A Baña, terra natal do novelista), con incursións ocasionais en Santiago e Muros. O protagonista da novela, Marcos, é un rapaz indolente de vinteseis anos, que traballa na explotación gandeira da propia familia, dirixida polo seu irmán Daniel e a súa muller Iria. A incapacidade do protagonista para tomar decisións lévao a manter relacións simultáneas con dúas mozas e a vivir envolto nunha trama de mentiras.
A modernidade na aldea
Hai na novela dúas partes ben diferenciadas. Na primeira o narrador retrata a forma de vivir e traballar nunha explotación gandeira actual. O autor coñece ese mundo pois o seu labor profesional estivo sempre vinculado ao campo. Hai unha modernidade no mundo rural que a xente urbana descoñece por completo. Hoxe as ganderías dedicadas á produción de leite están dotadas dunha tecnoloxía punteira que as sitúa entre as máis avanzadas de Europa. A selección xenética das vacas frisonas, o control informático da explotación e da produción, a organización do traballo, o control da alimentación do gando, as zonas de muxir case estériles como quirófanos, os concursos para elixir á mellor vaca do ano: toda esta actividade fai que a vida no rural non teña nada que ver coa que se debuxaba enAs rapazas de Xan.
A gandería galega está modernizada e as terras de Cabanas foron pioneiras neste empeño. Nesa contorna viven estes rapaces, instalados na cultura globalizada, algúns deles con estudos universitarios e con inquedanzas intelectuais e políticas. Son nativos dixitais que usan a cotío as redes sociais e teñen contacto co mundo urbano. Pero se os mozos deAs rapazas de Xan ollaban para América, estes de agora miran cara Europa como unha posibilidade de futuro.