Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 12/12/2024 | Actualizada ás 13:59
A secretaria xeral do PP de Galicia, Paula Prado, pediu ao presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, que "non sexa Pedro 'Grinchez'" este Nadal e atenda os problemas de "todas" as comunidades autónomas, particularmente os de Galicia, na Conferencia de Presidentes que se celebra este venres en Santander e que estará centrada en vivenda, financiamento, migración e sanidade. Na súa habitual rolda de prensa dos xoves na sede do partido en Santiago, a 'número dous' do PPdeG insistiu en solicitar a Sánchez que "deixe de enredarse en tramas e subtramas de corrupción e exerza dunha vez de presidente do Goberno, que xa vai tocando". "E, se non o fai, que busque canto antes a porta de saída", engadiu Prado.
A dirixente popular mostrouse convencida de que o titular da Xunta, Alfonso Rueda, acudirá á capital cántabra para "defender os intereses de Galicia". Prado destacou que Rueda xa o fixo na reunión que mantivo con Sánchez en setembro, pero o mandatario estatal, que "ten a chave para un bo número de asuntos, volveu dicir que non é a quenda de Galicia". Por tanto, ante uns "agravios" coa Comunidade que para o PPdeG encherían un "calendario de Advento", tal e como denuncia o partido estes días a través das súas redes sociais, a secretaria xeral ten claro que, este ano, Sánchez "tampouco vai ser Papá Noel con Galicia".
Con todo, Paula Prado sinalou que este venres será unha "nova oportunidade" para que o socialista demostre que atende a "todas" as autonomías ou que "está a pensar nunha única comunidade" como Cataluña, á que "se vendeu por sete votos" (os de Junts para a súa investidura) pero que "agora se lle rebela"; ou "como moito en dous", en referencia ao nacionalismo vasco. "Esperamos que o presidente Rueda chegue non só con boas palabras, senón tamén con acordos beneficiosos para Galicia. A pelota está no tellado de Sánchez", asegurou a 'número dous' dos populares galegos, para soster que, se o mandatario estatal vai con "vontade de chegar a acordos", haberaos.
CARGA CONTRA BNG E PSDEG
Nesta conxuntura, Prado tamén cargou contra a oposición galega. Do BNG cuestionou como ten "a cara de dicir" que o titular da Xunta "non ten axenda galega" cando os nacionalistas "foron os primeiros en traizoala" ao pactar co PSOE, "levan anos vendendo fume aos galegos" e están "subordinados" tanto ao Goberno central como aos seus "socios independentistas". "No canto de tanto pedir a independencia de Galicia, mellor nos iría se se independizasen de Pedro Sánchez", esgrimiu, en referencia ao Bloque, para seguidamente pedir ao PSdeG que "se despegue dunha vez" do presidente do Goberno e vexa "todo o dano que está a facer" a Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.