Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2024 | Actualizada ás 16:59
O Museo de Pontevedra inaugurará este venres a exposición 'Acisclo en 66 obras', unha mostra composta por pezas representativas do seis décadas de evolución artística do escultor Acisclo Manzano.
Ata o próximo 2 de febreiro poderá visitarse no Edificio Castelao este percorrido pola súa traxectoria creativa desde o expresionismo figurativo dos seus inicios ata alcanzar case a abstracción.
A exposición está composta por 66 pezas datadas entre 1959 e 2010, procedentes de museos de toda Galicia, como o Centro Galego de Arte Contemporánea, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o Museo Provincial de Lugo, o Museo Municipal de Ourense e o Museo Municipal de Vigo Quiñones de León.
Tamén hai pezas cedidas por entidades como o Parlamento de Galicia, a Compañía de Radio Televisión de Galicia, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e o Centro Cultural Marcos Valcárcel, fundacións como a Fundación Xaime Quessada Branco e a Fundación Araguaney, así como galerías de arte e coleccións particulares.
Este xoves foi presentada a exposición pola directora do Museo, Anxos Tilve, acompañada da comisaria da exposición, Beatriz de San Ildefonso, e do propio artista, Acisclo Manzano.
A madeira foi o primeiro material que traballou. Beatriz de San Ildefonso explicou que moitas das obras de madeira presentes na exposición foron creadas a partir de vigas recuperadas de derribas, nas que el respecta as súas formas e crea ocos para aumentar o expresionismo e representar a angustia, a soidade que vía na sociedade do momento.
Tamén están moi presentes na exposición o barro galego e a arxila de Eivissa e outros materiais como ferro, bronce, chumbo, aluminio, grafito refractario ou fibra de vidro.
O escultor ourensán destacou a emoción que supón ver reunidas pezas de toda a súa carreira e sinalou que "moitas das obras que están na exposición son moi importantes para min".
"Aquí ven os tempos alegres, os tempos tristes, os escuros e os de amor e felicidade", dixo Acisclo Manzano sobre a mostra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.