Por Europa Press / Redacción | VIGO | 18/12/2024 | Actualizada ás 18:29
CIG-Industria instou este mércores ás administracións públicas a controlar o "abuso de ERTE" e dos contratos fraudulentos a través de empresas de traballo temporal no sector da automoción.
Así o fixeron os seus responsables nas concentracións de protesta que tiveron lugar en Vigo, Pontevedra e Ourense, nas que pediron á Inspección de Traballo e á Xunta que actúen e acepten reunirse co sindicato para "abordar esta problemática".
O secretario nacional da Federación de Industria, Xoán Xosé Bouzas, denunciou que as prácticas que levan a cabo no sector actualmente profundan na "precarización" e impiden a conciliación de vida laboral e familiar.
"Nos próximos días rexistraremos as peticións para manter esas reunións a nivel galego co propio conselleiro e con responsables da autoridade laboral para reclamarlles que fagan un seguimento exhaustivo de todos os ERTE abusuvos e que non están xustificados", explicou Bouzas.
Así mesmo, a CIG pon o foco nos "contratos fraudulentos mediante ETT", que se están "estendendo" na automoción galega, de maneira que se cobren "ducias" de postos fixos con persoal eventual.
Finalmente, o sindicato nacionalista apuntou á Xunta pola súa "falta de poítica industrial de país", e puxo como exemplo o último encontro de Rueda con responsables da planta de Stellantis "para mendigar que lle digan cales son os plans da empresa, cando debería ser ao revés", e debería ser el quen explicase os plans do goberno galego "para garantir o futuro da automoción".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.