Sabes cales foron os alcaldes galegos con maiores soldos do 2023?

Os concellos de Oleiros, Arteixo e Marín pagaron máis aos seus rexedores que os das cidades de Santiago e Ferrol.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 03/01/2025 | Actualizada ás 14:53

Comparte esta noticia

O alcalde de Vigo, Abel Caballero (PSOE), e o seu homólogo en Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensana), foron os dous rexedores galegos que máis cobraron en 2023 con 75.943,42 e 75.215,42 euros ao ano, respectivamente. Así figura no informe 'Retribucións de cargos electos e empregados públicos das Entidades locais e Comunidades Autónomas. ISPA 2024', elaborado polo Ministerio para a Transición Dixital e da Función Pública.

Os datos correspóndense con 2023, ano no que houbo eleccións municipais, polo que algúns alcaldes puideron cambiar. Das sete cidades galegas, as únicas variacións foron Santiago e Ferrol. En calquera caso, tras Vigo e Ourense, o alcalde galego mellor pago foi o de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), que en todo 2023 (foi reelixido) percibiu 74.491,60 euros. Non entanto, en xuño de 2024, tras cumprir os 70 anos, Lores anunciou que se xubilaba como médico do Sergas e que, ao ser pensionista, renunciaba á súa dedicación exclusiva.

A cuarta que máis cobrou foi a alcaldesa da Coruña, Inés Rey (PSOE), tamén repetidora, porque recibiu do Concello 74.373,30 euros. A rexedora de Lugo foi a quinta de Galicia, con 73.911,89 euros. En 2023, aínda estaba no posto Lara Méndez (PSOE), quen renunciou a comezos de 2024 para concorrer nas listas para as eleccións ao Parlamento galego. Tomou a súa substitución a tamén socialista Paula Alvarellos.

SANTIAGO E FERROL

En canto ás dúas cidades restantes, Santiago e Ferrol, foron as únicas que cambiaron de alcalde tras os comicios de maio de 2023. Para casos como estes, o informe do Ministerio ofrece a contía separada por mandatos. Por poder establecer unha comparativa, na capital galega, os dous alcaldes que houbo en 2023 percibiron 60.360,92 euros entre ambos. En concreto, o xa exalcalde Xosé Sánchez Bugallo (PSOE) cobrou 25.676,20 euros ata que foi relevado por Goretti Sanmartín (BNG), quen recibiu 34.674,72 euros.

O caso de Ferrol é o máis particular das urbes galegas. A contía total que percibiron os dous alcaldes que houbo aquel ano, Ángel Mato (PSOE) e José Manuel Rey Varela (PP), suma só 32.875,11 euros. E é que, aínda que Mato, que gozaba dunha dedicación exclusiva, percibiu 18.916,45 euros na primeira metade do ano; Rey Varela, o seu sucesor, gañou 13.958,66 euros a pesar de non ter dedicación, porque xa ten soldo como senador designado polo Parlamento de Galicia.

Aínda así, hai alcaldes doutras vilas galegas que cobran máis que os de Santiago e Ferrol. Un dos históricos, o de Oleiros, Ángel García Seoane, de Alternativa dos Veciños, cobrou 63.379,24 euros en 2023. Tamén foi o caso do de Arteixo, Carlos Calvelo (PP), con 62.079,85 euros; e da de Marín, María Ramallo (PP), con 60.622,37 euros.

Abel Caballero, no pleno da súa investidura para un quinto mandato consecutivo, o 17 de xuño de 2023
Abel Caballero, no pleno da súa investidura para un quinto mandato consecutivo, o 17 de xuño de 2023 | Fonte: CONCELLO DE VIGO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Eu pagaríalle os 76.000 € de pensión vitalicia se nos deixara vivir en paz... Con 78 anos xa van sendo horas de abrazar unha digna xubilación e deixar paso a outra xeracións que non acapare todo o poder local en Vigo (?) Os que levamos 18 anos aturando ao Tirano recoñecemos que non hai nada que facer, agás agardar que a natureza faga o seu traballo (Abel disque pretende botar outros 11 anos na Alcaldía!) Así que teremos unha Tiranía con 90 anos e Viva Vigo ! (El Otoño del Patriarca) // https://gamela00.blogspot.com/2023/...