Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2025 | Actualizada ás 18:17
O Consello da Xunta abordou un informe da Consellería do Medio Rural sobre a liña de achegas para favorecer a incorporación de mozas ao rural e para mellora de explotacións e novos agricultores. En concreto, beneficiaranse 320 persoas menores de 40 anos, ademais de 133 novos agricultores de 41 a 55 anos e un total de 370 explotacións.
Esta medida, cunha partida de 45,9 millóns, busca fomentar o cambio xeracional no campo, así como promover a mellora e modernización das explotacións. A mesma intégrase no Plan estratéxico da PAC 2023-2027. No conxunto do período 2016-2024 aprobáronse un total de 9.031 expedientes de axuda, por un importe global de máis de 369 millóns de euros.
En termos xerais, Lugo é a provincia máis beneficiada por estas achegas. Por sectores, a maior parte dos fondos e dos expedientes aprobados corresponden ao vacún de leite e de carne, seguidos dos doutras orientacións gandeiras e, en menor medida, de producións vexetais. A Consellería do Medio Rural publicará nos próximos días no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da convocatoria correspondente ao 2024 das axudas para plans de mellora, incorporación de mozas, novos agricultores e pequenas explotacións agrarias.
AXUDAS PARA A PRODUCIÓN E COPRODUCIÓN DO AUDIOVISUAL GALEGO
Por outra banda, a Xunta de Galicia tamén aprobou este luns as bases e a próxima publicación, en réxime de concorrencia competitiva e con carácter plurianual, da nova convocatoria de subvencións para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos durante 2025, ás que destina uns 3.000.000 euros. Así o confirmou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na comparecencia de prensa posterior á celebración do Consello.
Con esta lína, "afiánzase con fondos propios a mesma contía final para esta liña de axudas que nos dous anos anteriores". En 2023 e 2024, esta convocatoria, "principal canle de apoio directo ao sector", partiu inicialmente cunha dotación de 2,5 millóns de euros e completouse despois con 500.000 euros adicionais procedentes do Goberno central pola repartición de créditos ás comunidades autónomas como un dos eixos da Axenda Dixital España 2030.
Explican que agora o Executivo galego asume directamente esta cantidade adicional, o que supón un incremento do 20 % no seu investimento. Así, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude "reafirma o seu compromiso con este sector relevante e estratéxico dentro do ámbito das industrias culturais, co obxectivo de fomentar a súa competitividade, dotar dun tecido empresarial capitalizado e innovador e alcanzar produtos de calidade con proxección interior e exterior".
Estas axudas, xestionadas a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, forman parte do programa integral e continuado de apoio polo que se dota de financiamento ás empresas en todo o proceso audiovisual: promoción do talento na creación, preprodución, produción, difusión e comercialización. O aumento da dotación en convocatoria única permite tamén un incremento xeral dos importes máximos para cada proxecto.
Así, por exemplo, en longametraxes pásase correlativamente de 260.000 ou 280.000 euros (segundo sexan ou non en galego) a 300.000 ou 320.000 euros; nas series para televisión ou plataformas, de 240.000 ou 260.000 euros pásase a 260.000 ou 280.000; e no caso dos curtos en galego supéranse os 15.000 euros consignados ata agora para chegar aos 20.000 euros. Na nova convocatoria establécese, ademais, unha dotación de fondos exclusiva para cada tipo de proxecto, coa finalidade de diminuír a discrecionalidade nas adxudicacións.
As bases aprobadas este luns, que se dirixen especificamente a produtoras audiovisuais independentes, reformulan tamén a tipoloxía de proxectos subvencionables, que quedan distribuídos en cinco categorías, segundo sexan longametraxes cinematográficas de ficción e/ou animación de tipo documental, longos en coprodución internacional con participación minoritaria española, curtametraxes, ou series para ser emitidas por televisión ou plataformas baixo demanda.
Mantéñense condicións para impulsar o uso do galego, a participación de mulleres en todos os ámbitos e o emprego de profesionais, recursos e servizos de empresas galegas. Destacan que os criterios de selección dos proxectos subvencionados continúan moi relacionados co territorio en canto ás localizacións de rodaxe, os estudos ou os profesionais creativos, técnicos e artísticos implicados, pero "tendo en conta ao mesmo tempo a calidade dos contidos e o seu potencial de circulación a nivel estatal e internacional".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.