Besteiro aposta pola "reindustrialización sustentable" e as políticas demográficas efectivas ante empresarios vigueses

O portavoz parlamentario do PSdeG e candidato á Secretaría xeral do PSdeG defendeu aumentar o PIB industrial ao 20 % e crear 40.000 novos empregos.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 14/01/2025 | Actualizada ás 18:08

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PSdeG e candidato á Secretaría xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu unha "reindustrialización sustentable" para aumentar o PIB industrial ao 20 % e crear 40.000 novos empregos en Galicia e apostou por políticas demográficas. O dirixente socialista participou este martes nun xanto-coloquio coa asociación de empresarios Vicus Gallaecia, celebrado en Vigo.

Durante o acto, do que informou o PSdeG nun comunicado, Besteiro compartiu a súa análise sobre a situación socieconómica de Galicia, destacando a importancia de fortalecer a colaboración público-privada para impulsar o crecemento e a modernización da economía galega. Besteiro incidiu na necesidade de ser conscientes da realidade económica do país para abordar con eficacia os seus retos porque, dixo, "Galicia crece, pero a un ritmo inferior ao resto de España". Ademais, referiuse ao problema do axuste entre a oferta e a demanda de emprego e á perda de talento novo, unha cuestión que ve agravada pola saída de miles de universitarios cada ano.

Respecto ao reto demográfico, o socialista destacou que o informe do Consello de Contas evidencia a falta de coordinación das políticas en materia de poboación e que Galicia non se pode permitir "deixar sen usar máis da metade dos fondos destinados á cohesión territorial". Para afrontar esta situación, propuxo despregar políticas integradas que revitalicen o rural e combatan o despoboamento das provincias de Lugo e Ourense. "Necesitamos acabar coas dúas Galicias, a do Norte e a do Sur", afirmou. Outro dos puntos centrais da súa intervención foi a aposta pola reindustrialización "ambiciosa e sustentable".

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participa nun xantar-coloquio coa asociación de empresarios Vicus Gallaecia, en Vigo
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participa nun xantar-coloquio coa asociación de empresarios Vicus Gallaecia, en Vigo | Fonte: PSDEG

Así, defendeu a necesidade de incrementar o PIB industrial do 16 % ao 20 % e crear máis de 40.000 postos de traballo, cun maior investimento en innovación e á xestión eficiente dos recursos renovables, como a enerxía eólica e o hidróxeno verde. Tamén reclamou unha maior execución dos fondos europeos dispoñibles para Galicia, "fundamentais para transformación sustentable e dixital do tecido empresarial". Besteiro concluíu reafirmando o seu compromiso de traballar "da man dos empresarios e empresarias que cada día fan Galicia un pouco máis grande" e recalcou que a escoita activa é imprescindible para deseñar políticas "útiles e eficaces".

"Este é o momento de actuar con ambición e planificación para non perder as oportunidades que Europa nos blinda", dixo. O coloquio finalizou cun intercambio de propostas e reflexións no que, segundo o PSdeG, púxose de manifesto a vontade compartida de promover un futuro de progreso e desenvolvemento para Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta