Por Galicia Confidencial | Mondoñedo | 15/03/2016 | Actualizada ás 14:34
Os eucaliptos volven poñer, novamente, en perigo o patrimonio natural de Galicia. Desta volta, unha plantación desta especie en Mondoñedo acaba de arrasar cun castro que foi inventariado hai escasamente tres meses.
En decembro de 2015 o Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza incluía no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos un novo sitio arqueolóxico coa denominación Castelo de Monte da Arca e clave de identificación GA27030036.
Unha protección que chegou logo dunha campaña iniciativa por Mariña Patrimonio para protexer este xacemento da idade do ferro que xa fora recollido e descrito polo historiador José Villamil Y Castro no seu libro "Los castros y mámoas de Galicia" en 1876.
O poboamento fortificado tiña unha feitura semicircular e estaba defendido por un triple parapeto e foxo, dominando a cidade de Mondoñedo dende a que era perfectamente visíbel cuberto por bosque autóctono.
Pero, hai poucos días todo o sitio arqueolóxico foi arrasado pola maquinaria pesada utilizada nos labores de roza do bosque posterior subsolado profundo para a realización dunha plantación de eucaliptos. “Milleiros de anos de historia e patrimonio público derramados a maior gloria do eucalipto, cuxo monocultivo non parece ter límites”, denuncia esta entidade que, xunto con Adega, acaban de denunciar estes feitos por canto poden ser constitutivos dun delito contra o patrimonio cultural tipificados no Código Penal nos artigos 321 a 324.
“Resulta lamentábel que teñamos que ser as asociacións non gobernamentais as que, perante a pasividade e o desleixo da administración, teñamos que tutelar o noso patrimonio histórico arqueolóxico”, suliña.
A destrución deste ben non é un caso illado. Nos últimos anso son ducias os elementos patrimoniais, dende mámoas a castros ou mesmo restos romanos, danados mesmo de xeito irrecuperábel, moitos deles polos labores asociados ao monocuiltivo do eucalipto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.