A Fegamp pon números á negativa de PP-Junts-Vox ao decreto Ómnibus; 177 millóns

Di que quedan derrogadas a actualización das entregas a conta para 2025 e a liquidación definitiva dos ingresos do Estado de 2023.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 30/01/2025 | Actualizada ás 10:29

Comparte esta noticia

A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) alerta que a non convalidación do Real Decreto Lei omnibus no Congreso dos Deputados a semana pasada va ter importantes consecuencias económicas para os concellos e deputacións galegas, xa que derroga a actualización das entregas a conta para 2025 e a liquidación da participación nos ingresos do Estado de 2023, sumando ambas contías máis de 177 millóns de euros.

A secretaria xeral do PP, Cuca Gamarra e o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, durante unha sesión de control ao Goberno, no Congreso dos Deputados
A secretaria xeral do PP, Cuca Gamarra e o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, durante unha sesión de control ao Goberno, no Congreso dos Deputados | Fonte: Jesús Hellín - Europa Press

Derrogada a actualización das entregas a conta correspondentes ao ano 2025 para as entidades locais galegas, a cantidade prorrogada será a correspondente a xaneiro de 2024. Nun comunicado sinala que os concellos e deputacións galegas deixan de ingresar unha suma de case 72 millóns e medio de euros do incremento aprobado no Real Decreto-Lei 4/2024, de 26 de xuño e que queda sen validez pola derrogación.

Concretamente os concellos de menos de 5.000 habitantes perden case dous millóns; os concellos de entre 5.000 e 20.000 perden máis de sete millóns e medio; os concellos de entre 20.000 e 50.000 habitantes perden máis de catro millóns; os concellos de entre 50.000 e 75.000 habitantes perden máis dun millón; os concellos de máis de 75.000 habitantes perden máis de catorce millóns e medio, e as deputacións perden case trinta e dous millóns e medio de euros.

Tamén queda sen aplicación a liquidación definitiva na participación nos ingresos do Estado dos concellos e deputacións galegas correspondente ao ano 2023. A  Fegamp di que, a día de hoxe, non existe regulación para esa liquidación, o que supón para as entidades locais galegas outra perda de case cento quince millóns de euros, dos que case cincuenta oito millóns os perden as deputacións; máis de trinta e tres millóns os perden os concellos de menos de 75.000 habitantes; e case vinte e catro millóns de euros os perden os concellos de máis de 75.000 habitantes.

Por todo isto, dende a FEGAMP se apela á responsabilidade das forzas políticas parlamentarias para evitar máis agravios económicos ás entidades locais galegas, e ao  compromiso do Goberno para unha urxente resolución desta situación.

PAULA PRADO, PPdeG

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, defendeu este xoves a postura do partido que dirixe Alberto Núñez Feijóo en relación a apoiar o novo decreto de medidas pactado con Junts e incidiu en que é o Goberno central o que "rectifica" para que Pedro Sánchez poida "seguir no poder".

Así o trasladou nunha visita a Vilagarcía, na que estivo acompañada pola líder local do PP, Ana Granxa; o deputado no Congreso Juan Andrés Bayón; o deputado autonómico Raúl Santamaría e a concelleira Elena Suárez.

O PPdeG denunciou que o PSdeG e o BNG están "situados á beira de Pedro Sánchez na súa pretensión de enganar a todos os galegos e galegas" e acusounos de "primar os intereses do independentismo catalán fronte aos intereses de Galicia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta