Por Europa Press / Redacción | VALENCIA | 31/01/2025 | Actualizada ás 20:36
O expresidente do Goberno José Luís Rodríguez Zapatero valorou positivamente o xiro que deu o PP ao apoiar o decreto 'ómnibus' acordado entre o Executivo central e Junts despois de tombalo nun principio no Congreso.
"Paréceme ben que cambiase de posición. Dicía Fraga que só acertan cando rectifican, pero paréceme que fixeron ben", declarou á súa chegada ao 15 Congreso do PSPV, en alusión a esta frase do que foi presidente da Xunta de Galicia e ministro, Manuel Fraga.
Agora ben, Zapatero remarcou que o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, xustificou o cambio de posición en que "non querían darlle a satisfacción a Pedro Sánchez", presidente do Goberno, e por iso rexeitaron inicialmente o decreto. "Gustoume máis que o seu interese fosen os pensionistas e a xente que necesita a axuda de transporte", sinalou.
Pero fixo fincapé en que lle parece positivo o cambio de postura, tras o que fixo un chamamento ao PP: "Oxalá acepten máis veces tantas cousas boas que propón este Goberno".
PPdeG
Pola súa banda, o senador lucense do PP José Manuel Barreiro asegurou que o Partido Popular "sempre" estivo "a favor" da subida das pensións, a bonificación do transporte público,axudar aos afectados pola DANA en Valencia e a rebaixa do IVE".
Alí, afirmou que o seu partido está "onde sempre estivo, apoiando a colectivos", mentres acusou ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de cambiar "continuamente" de opinión en relación coa posibilidade de separar as distintas medidas contidas no chamado decreto 'ómnibus. "Primeiro dixo que non, despois dixo que si", aseverou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.