Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/02/2025 | Actualizada ás 11:33
O Goberno aprobará este martes no Consello de Ministros o anteproxecto de lei que reducirá a xornada laboral a 37,5 horas semanais sen perda salarial. Esta medida, froito do acordo entre o Ministerio de Traballo e os sindicatos CCOO e UXT, pretende beneficiar a 12 millóns de traballadores e conta coa oposición das organizacións empresariais, que defenden que a xornada debe pactarse mediante negociación colectiva.
Unha vez aprobado, o texto pasará polo Consello de Estado e o CES antes de regresar ao Consello de Ministros como proxecto de lei, previsiblemente a finais de febreiro. Posteriormente, iniciarase a tramitación parlamentaria no Congreso, onde os grupos poderán presentar emendas. O obxectivo é que a norma entre en vigor antes do verán, permitindo ás empresas adaptarse antes do 31 de decembro de 2025.
O anteproxecto establece tamén un endurecemento das sancións ás empresas que incumpran os límites de xornada, con multas de ata 10.000 euros por traballador afectado. Ademais, os contratos a tempo parcial con xornadas iguais ou superiores ás 37,5 horas semanais converteranse automaticamente en contratos a tempo completo.
Outro cambio significativo é a implantación dun rexistro horario dixital obrigatorio e accesible en todo momento para os traballadores e a Inspección de Traballo. Ademais, refórzase o dereito irrenunciable á desconexión dixital, prohibindo represalias contra os empregados que non atendan comunicacións fóra do seu horario laboral.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.