A Xunta tratará ata 24.000 toneladas de roupa na planta de reciclaxe téxtil de Cerceda

Rueda destaca o investimento de 25 millóns nas instalacións, que estarán operativas no segundo trimestre de 2026.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/02/2025 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

A planta de reciclaxe téxtil que a Xunta creará no seu complexo de Sogama Cerceda terá capacidade nunha primeira fase de tratar unhas 3.000 toneladas ao ano, que serán ampliables ata un máximo de 24.000 toneladas.

Nestas instalacións, cuxo proxecto foi presentado este mércores, trataranse residuos téxtiles de recollida separada procedentes da economía social, pero tamén se poderán recibir residuos directamente dos colectores da rúa. Esta iniciativa, que pretender ser un complemento para as actividades do sector xa asentadas na comunidade, terá como destino final do material clasificado centros recicladores para dar lugar a fibra téxtil reciclada e confeccionar novas pezas.

Acompañado pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou este mércores na presentación deste proxecto, un acto no que destacou o investimento de 25 millóns nestas novas instalacións. Rueda lembrou que desde o pasado 1 de xaneiro os concellos deben reciclar os materiais téxtiles. Un labor que, segundo indicou, é "moi difícil" para cada consistorio de forma individual, polo que considerou que "o lóxico e normal é que a Xunta se implique". "E ímonos a implicar a través do organismo que temos, que é Sogama", destacou.

Na súa intervención, o presidente galego destacou que no segundo trimestre de 2026 esta planta "non só ten que estar construída, senón que ten que funcionar", polo que agradeceu a implicación de todos os axentes que participan "esta aventura".

Presentación da planta de reciclaxe téxtil que Sogama construirá en Cerceda
Presentación da planta de reciclaxe téxtil que Sogama construirá en Cerceda | Fonte: David Cabezón

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta