Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 13/02/2025 | Actualizada ás 14:47
Un 18,8 % dos galegos están en risco de pobreza ou exclusión social (a denominada taxa Arope) en 2024, o que supón un descenso de case sete puntos respecto ao 25,5 % de 2023, segundo datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) este xoves. Deste xeito, a taxa Arope galega é a cuarta máis baixa entre comunidades, por detrás de País Vasco (14,8 %), Baleares (16,2 %) e Navarra (18,3 %). É sete puntos inferior á media de 25,8 % de España. O dato galego supón o de menor risco de pobreza ou exclusión social na última década, segundo datos da Enquisa de Condicións de Vida do INE.
En concreto, as persoas en risco de pobreza en Galicia baixan do 19,4 % ao 14,2 % (é do 19,7 % en España). Mentres, a redución entre 2023 e 2024 da carencia material e social severa é case á metade, do 8,2 % ao 4,8 % (do 8,3 % en España). A porcentaxe de poboación con baixa intensidade no emprego é do 7,1 %, catro décimas menos que un ano antes. É do 8 % na media estatal. A renda anual neta media por fogar situouse en Galicia en 34.892 euros, uns 3.500 euros máis que un ano antes (eran 31.301 euros). Son uns 2.100 euros por baixo da media española de 36.996 euros. A enquisa, realizada entre febreiro e maio de 2024, enmárcase nun período de moderación dos prezos, tras a crise pola guerra de Ucraína, cunha inflación que se situou entre o 2,8 % e o 3,6 % entre eses meses, e uns tipos de interese que aínda seguían elevados (o BCE baixou os tipos en xuño de 2024 por primeira vez desde 2019).
O 41 % TEN DIFICULTADES PARA CHEGAR A FIN DE MES
Segundo o INE, o 40,9 % dos galegos conta con algun tipo de dificultade para chegar a fin de mes. Supoñen uns catro puntos menos que o 45,2 % de 2023. Desagregando a repartición é: un 6 % con moita dificultade, un 10 % con dificultade e un 24,9 % con certa dificultade (con descensos nos tres casos). Entre outros datos, o 35,8 % dos galegos non pode permitirse ir de vacacións fóra de casa polo menos unha semana ao ano, por enriba da media do 33,4% en España. O 26,7 % dos galegos non ten capacidade de imprevistos, o 22,2 % non pode substituír mobles estragados, o 16,6 % non pode permitirse ter a vivenda a unha temperatura adecuada; o 3,9 % non pode permitirse unha comida de carne, pito ou peixe polo menos cada dous días; así como o 6 % tivo atrasos no pago de gastos relacionados coa vivenda principal nos últimos 12 meses.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.