Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2025 | Actualizada ás 22:31
A formación Anova criticou a "incompetencia" do Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, ante a "situación dramática" do galego e esixiu a dimisión do representante autonómico.
O portavoz da organización, Martiño Noriega, chamou á cidadanía a participar na manifestación conocada para o vindeiro domingo 23 de febreiro en Compostela "desde o convencemento de que, dada a vocación exterminadora coa diversidade do goberno do PP, tan só a xente pode salvar o idioma". Neste contexto, Anova celebrou este sábado unha conferencia en Santiago, ao redor da situación que vive actualmente a lingua galega, que contou coa participación de diferentes relatores como Francisco Fernández Rei, da Real Academia Galega ou Marilo Candedo, de Nova Escola Galega, entre outros.
Deste xeito, Anova pediu a "derrogación inmediata" do Decreto de Plurilingüismo e a súa substitución por outra norma "que garanta o uso do galego, polo menos, no 70% das materias lectivas en todas as etapas do ensino público". Así mesmo, solicitou a posta en marcha dunha canle da TVG que conte cunha programación en galego destinada unicamente a público infantil, a posibilidade de contar co portugués como materia optativa en todos os centros de educación secundaria de Galicia e, por último, a dimisión de López Campos, "que debería ser relevado por outra persoa competente para o cargo".
Por outra banda, a formación lembrou nun comunicado que o Instituto Galego de Estatística publicou en outubro un informe sobre o uso e coñecemento do galego que puña de manifesto que, "por primeira vez na historia do país, o español é a lingua máis falada". Nesta liña, denunciou que "lonxe de servir para recuperar falantes, a escola é un factor castelanizante, ao longo do ciclo educativo provoca que un terzo do alumnado que empeza a escola falando galego acabe por pasarse ao castelán".
"Isto demostra a eficacia do chamado Decreto de Plurilingüismo aprobado polo primeiro goberno de Feijóo en 2009 cando, apoiándose na mentira da imposición do galego, reduciu o seu uso á metade no ensino", lamentou Anova. Con todo, a formación afeou á Xunta que poña á fronte da Consellería de Cultura "a unha persoa evidentemente incompetente e incapaz para o seu cargo, alguén que non ten nin os coñecementos nin a vontade de cambiar a relación coa lingua propia de Galicia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.