Esta é a axenda europea de Rueda: verase con Costas Kadis e Teresa Ribera e intervirá no Comité das Rexións

Trasladará ao novo comisario de Pesca a necesidade de promover un marco "equitativo" na extracción e comercialización pesqueira internacional.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2025 | Actualizada ás 14:58

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, completa a súa axenda en Europa e avanzou que, ademais de participar no 164º pleno do Comité Europeo das Rexións (CdR), prevé reunirse co comisario europeo de Pesca e Océanos, o chipriota Costas Kadis, así como coa vicepresidenta executiva da Comisión Europea para unha Transición Limpa, Xusta e Competitiva, a exministra galega Teresa Ribera. En declaracións aos medios en Santiago, onde participou na inauguración das xornadas 'Investir en ciencia si é rendible', o presidente galego avanzou que manterá un encontro co novo responsable de Pesca, ao que transmitirá que para Galicia é "prioritario" que a Unión Europea (UE) aposte por un desenvolvemento pesqueiro sustentable que "compatibilice" aspectos sociais e ambientais.

Rueda tamén fixo fincapé en que o sector pesqueiro galego é "o primeiro interesado" en velar porque se cumpra a normativa ambiental, pero precisa que se lle deixe continuar explotando. Así, desde a que a Xunta reivindica como "primeira potencia pesqueira de toda Europa", Rueda quere transmitir este xoves en Bruxelas a Costas Kadis a necesidade de que a UE promova un marco "equitativo" na extracción e comercialización pesqueira a nivel internacional, o chamado 'level playing field'. "Temos que competir en condicións de igualdade e reaccionar cando entran produtos pesqueiros que teñen unha condición de vantaxe porque non se lle piden as mesmas condicións que nos están pedindo en Europa", aseverou o presidente galego.

Entre as súas intencións está, así mesmo, defender ante o comisario a necesidade de abordar desde unha perspectiva e uns prazos "realistas" o proceso de descarbonización da frota pesqueira. Por exemplo, Galicia rexeita que se suprima "de forma xeneralizada" a bonificación do combustible para a frota, dado que este sector ten "unha baixa pegada de carbono" e "aínda non existen alternativas ao gasóleo que sexan economicamente viables".

ENCONTRO CON TERESA RIBERA

Así mesmo, Rueda anticipou que tamén está previsto outro encontro con Teresa Ribeira. "Coñece perfectamente a situación de Galicia", destacou o mandatario galego, quen lembrou que ata hai pouco tempo foi ministra do Goberno que dirixe Pedro Sánchez. No marco desta cita prevé insistir na necesidade de "seguir avanzando en Galicia nunha transición enerxética xusta e planificada, que permita combinar a protección ambiental e avanzar en novos modos de produción de enerxía á vez que se aproveitan os recursos existentes.

ALTRI FÓRA DE AXENDA

Preguntado sobre se prevé abordar o proxecto de Altri para Palas de Rei, que outros grupos trataron de incluír na axenda europea, Rueda respondeu que non é un dos asuntos que teña previsto tratar. E, aínda que a priori tampouco será "obxecto" específico da reunión, apuntou que, á marxe dos recursos que vaia resolvendo en España o Tribunal Supremo (TS), tamén está no Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE) unha cuestión relativa á paralización de parques eólicos, que está pendente de resolución.

"Non vou tratar especificamente diso, pero si estaría dentro das cousas que quero transmitir que Galicia necesita non deixar pasar oportunidades. Insistirei en que somos os primeiros interesados en que se cumpra a normativa ambiental e, por tanto, "confianza no que se di tecnicamente a Xunta". "Trasladarei esa confianza a Europa", asegurou, antes de insistir en que, se teñen esta validación técnica, os proxectos deben ser apoiados economicamente e "ir para diante".

MELLOR XESTIÓN DOS FONDOS EUROPEOS

E como xa se anticipou o eixo da axenda de Rueda en Bruxelas está no 164º Pleno do Comité Europeo das Rexións (CdR), que se celebra esta semana. Viaxará para participar na sesión plenaria constitutiva deste órgano, que inicia o seu novo mandato 2025-2030. Rueda, que xa anticipara a súa intención de intervir en galego, ostentará a vicepresidencia do Comité das Rexións que corresponde a España e terá este cargo durante o próximo ano e medio. Así, o titular do Executivo autonómico participará no debate sobre o futuro da Política de Cohesión da Unión Europea.

Este mércores ratificou a súa intención de subliñar a importancia que ten para as rexións optimizar e ter "unha adecuada cantidade e posibilidades de xestión" dos fondos europeos. Así mesmo, entregará ao vicepresidente da Comisión Europea encargado desta cuestión, Raffaelle Fitto, o documento de posición común das comunidades autónomas sobre esta cuestión, que estivo coordinado por Galicia.

Rueda, durante o acto sobre ciencia celebrado en Santiago
Rueda, durante o acto sobre ciencia celebrado en Santiago | Fonte: DAVID CABEZON @ XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta