Entroidos que volven á vida: Mugares, en Toén, onde aos Mazarucos se suma o teatro de rúa

O GC continúa a semana grande do Entroido coñecendo as figuras recuperadas do Entroido de Mugares da man de Roberto, o presidente da asociación cultural organizadora, que nos conta as novidades deste ano, no que ademais de Mazarucos, Señoritas e Labardeiros haberá tamén representación das Comedias.

Por Ángela Precedo | OURENSE | 26/02/2025 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Cando pensamos en Entroido de seguida se nos veñen á cabeza os peliqueiros de Laza, os cigarróns de Verín ou as pantallas de Xinzo de Limia como os principais expoñentes dunha celebración que ten unhas raíces moi fondas na nosa terra, entrelazadas coas festividades pagás precristiás e as festas medievais europeas. Sen embargo, e por desgraza, non todos os Entroidos tradicionais se conservaron no tempo, habendo algúns que desapareceron por diversos motivos. Con todo, son moitas as asociacións culturais que nos últimos anos loitaron pola recuperación das celebracións das súas respectivas parroquias e aldeas e que volveron poñer en valor a festa dos seus antergos, como un elemento máis do patrimonio inmaterial galego digno de preservar e de valorizar. Dende o Galicia Confidencial, despois de ter falado xa dos Entroidos de Budián (Pantón) --cos seus Brancos e o seu Farranquí-- e Salcedo (A Pobra do Brollón) --co seu Oso como figura central da festividade e as recén recuperadas Disfraces de Campo--, achegámonos hoxe ao Entroido de Mugares, parroquia pertencente ao concello ourensán de Toén, ao que, despois de ter sido recuperado no ano 2002, aínda hoxe se suman elementos derivados de novas investigacións sobre as súas orixes.

Entroido de Mugares
Entroido de Mugares | Fonte: Concello de Toén

Roberto Álvarez, presidente da Asociación Cultural Entroido de Mugares cóntanos que este Entroido recuperouse aló polo ano 2002 pola Asociación de Mulleres Rurais Amencer de Mugares, despois de terse deixado de celebrar aló polos anos 60. "As referencias máis antigas que temos sobre este Entroido de Mugares son as que atopamos nun libro de Florentino López Cuevillas do ano 1957, no que aínda se falaba desta celebración", explica este mozo, aínda que tamén apunta a que "contamos co testemuño doutra persoa da vila, un veciño chamado Ángel, de 96 anos, que nos dixo que os seus pais, cando se casaron, alo polo ano 1914, xa se encargaran de vestir aos Mazarucos para o Entroido e tiñan o traxe tradicional de Labardeiro --dos que falaremos posteriormente--". E por que deixou de celebrarse este Entroido? Aínda que tampouco hai unha razón oficial como tal á que apuntar, Roberto explica que "puido deberse a forte emigración que houbo en Mugares nos anos 60, cando moita xente nova marchou probar sorte nas Américas, e realmente eran os novos os que sempre se encargaban de organizar a festa".

PRIMEIRO ANO DE CELEBRACIÓN DAS COMEDIAS, OBRAS DE TEATRO EN TON SATÍRICO E XOCOSO PARODIANDO ACONTECEMENTOS DA PARROQUIA

Dende a asociación cultural que preside Roberto tomaron o relevo o ano pasado e "seguimos recuperando aos poucos días do Entroido que pensabamos que non había", con moito esforzo e ganas, "entrevistando aos veciños máis anciáns e consultando a documentación que imos atopando". Así foi como se percataron que, antigamente, este Entroido celebrábase máis días que o martes, algo que na actualidade tratan de poñer en valor. Deste xeito, neste 2025 recuperaron a celebración das Comedias, o domingo de Entroido, "obras de teatro que representaban os veciños da aldea tratando diversos temas en ton satírico e xocoso e parodiando acontecementos". Dende os anos 90 non se volveran ver estas representacións que agora volverán á vida xa no noso século. "Despois de terse perdido a figura dos Labardeiros na década dos 60, os veciños de Mugares aínda pasaron uns anos máis facendo as Comedias, pero ben é certo que, cando se recuperaron os Labardeiros e as Señoritas, deixáronse de facer as Comedias", apunta Roberto, que celebra que "nós este ano saímos con todo: Labardeiros, Señoritas, Mazarucos e Comedias". A maiores, asegura que "puidemos averiguar que, dende que nos anos 20 do século pasado o escritor Xavier Prado 'Lameiro' elaborou unhas pezas de teatro curtiñas, duns 15 ou 20 minutos de duración, todos os anos se foron representando durante o Entroido, polo que neste 2025 nós tamén imos representar dúas desas obras, aínda que algo adaptadas ao noso tempo".

MAZARUCOS, ANTIGAMENTE VESTIDOS POLOS MOZOS QUE ÍAN CASAR ESE ANO; E LABARDEIROS E SEÑORITAS, OS REIS DO ENTROIDO CON VISTOSAS ROUPAXES

Entroido de Mugares
Entroido de Mugares | Fonte: Concello de Toén

Como xa vimos, hai tres figuras centrais no Entroido de Mugares: os Mazarucos, os Labardeiros e as Señoritas. Máis en concreto, o presidente da asociación cultural explica que "os Mazarucos son dous bonecos, o Mazaruco e a Mazaruca, que representan a dúas das tres aldeas que hai nesta parroquia: a Mazaruca representa á aldea de abaixo, coñecida como Moreiro; e o Mazaruco á aldea de arriba, coñecida como Mugares (e que é a que dá nome ao Entroido)". Estes bonecos "tradicionalmente eran vestidos polos mozos que se ían casar no mesmo ano da celebración en cuestión, e sacábanos o martes de Entroido, como seguimos facendo agora nós". O Mazaruco parte dende a cima de Mugares e a Mazaruca dende o lugar coñecido como O Moreiro, xúntanse nunha parte da parroquia coñecida como Penahedrada e van ata unha praza que se chama O Eiró, onde se lles fai o casamento, con baile e todo tipo de celebracións. Rematada a voda, lévaselles de novo á cima da parroquia, onde está o local social.

Pola súa banda, as Señoritas son mulleres "ataviadas cun traxe moi vistoso e colorido, cunha saia branca adornada con frores e cintas de cores e cun pano no pescozo, que van tirando confeti como unha alegoría sobre a chegada da primavera". Trátase dun evento "moi festivo e moi floreado, que lle gusta moito á xente". E xa para rematar, estaría a figura do Labardeiro, que leva "un traxe moi semellante ao que levan as Señoritas, con camisa branca, pero cun pantalón curto e medias negras", ademais "dunhas campás que penduran dun cinto colocado por enriba dunha faixa negra axustada á cintura", ao que habería que sumar "a labarda, unha ferramenta de pau que se empregaba na malla dos cereais, pero adaptado ao Entroido". O Labardeiro é moi agardado polos veciños e tamén polos visitantes, porque "é o encargado de gardar a festa do Entroido e de que todo nela discorra ben e de que ninguén se meta coas máscaras". Ademais, "tamén é quen se vai metendo coa xente que non vai disfrazada durante o desfile".

O RELEVO XERACIONAL ESTÁ GARANTIDO POLO EMOCIONADOS QUE ESTÁN OS MÁIS PEQUENOS COA CHEGADA DO ENTROIDO

Nos últimos anos o Entroido de Mugares estase a converter nunha cita de referencia na vila e tamén nos arredores, chegando incluso visitantes do resto da provincia de Ourense. Deste xeito, a pesar de non levar tantos anos celebrándose despois da súa recuperación aló a comezos dos 2000, Roberto asegura que "estamos moi contentos coa acollida". E especialmente orgullosos de poder dicir que o relevo xeracional está garantido durante unhas cantas xeracións máis, porque "este ano fixemos algún obradoiro de traxes e viñeron moitas avoas facerlle traxes aos netos e tamén nais facerlle vestidos ás fillas, polo que vemos que aos máis cativos tamén lles chama a atención o Entroido e como este serve para forxar esa relación interxeracional". Ademais, Roberto tamén conta que "fixemos un concurso de cartaces de Entroido no colexio de Toén no que mandabamos aos pequenos que retratasen os símbolos da nosa festa e todos os fixeron moi ben, o cal nos ilusionou moito, porque vemos que dende que son pequeniños xa coñecen as nosas tradicións", moitos deles, "mesmo sen ser do concello de Toén, porque entre os 102 rapaces que hai no colexio hai algúns que son doutros concellos".

Labardeiros de Mugares
Labardeiros de Mugares | Fonte: TVG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta