O BNG leva aos xulgados á TVG por non rectificar unha información falsa sobre a súa presenza nun acto de Castelao

A TVG rectificou a través das redes sociais, pero non no telexornal.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2025 | Actualizada ás 16:47

Comparte esta noticia

A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, acudiu este luns á vista xudicial nos xulgados de Santiago pola denuncia que presentaron contra a CRTVG para esixir o dereito de rectificación tras a información que cualifican de "falsa" emitida pola canle pública sonre a ausencia do BNG no acto de conmemoración do aniversario de Castelao.

"Esta falsa afirmación non foi rectificada pola TVG, a pesar de que así o esixe a lei", afirmou. Rodil lamentou ter que recorrer á vía xudicial para defender "un dereito básico e fundamental" como é o acceso a medios de comunicación "públicos, veraces e obxectivos".

"A CRTVG afirmou que ningún representante do BNG estivo presente na homenaxe organizada pola Fundación Castelao no Panteón de Galegos Ilustres, cando as imaxes da propia televisión demostran o contrario", remarcou Rodil. Así mesmo, a deputada nacionalista advertiu de que a situación da CRTVG está "lonxe de mellorar". "O Partido Popular non só se nega a rectificar, senón que está a piques de aprobar unha lei que reforzará o seu control absoluto sobre os medios públicos", afirmou.

Sinalou que esta reforma permitiría ao PP designar "a dedo" a dirección xeral da corporación e "vulneraría os dereitos profesionais dos traballadores da CRTVG". "No BNG temos claro que este é un feito gravísimo que atenta contra a calidade democrática do país e non imos deixar de defender, alí onde sexa necesario, o dereito dos galegos a ter uns medios públicos ao servizo de Galicia e non do Partido Popular", concluíu.

Olalla Rodil, vicevoceira do BNG no acto institucional polo 75 aniversario da morte de Castelao, na segunda fila detrás do conselleiro de Cultura
Olalla Rodil, vicevoceira do BNG no acto institucional polo 75 aniversario da morte de Castelao, na segunda fila detrás do conselleiro de Cultura | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta