Os alumnos galegos de 4º de Primaria e 2º da ESO realizarán as probas de diagnóstico os días 28, 29 e 30 de abril

Este piloto dixital, que non ten ningunha validez no que aos resultados se refire, realízase en 102 institutos das provincias de Lugo e Ourense.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2025 | Actualizada ás 14:57

Comparte esta noticia

A Consellería de Educación fixou para os días 28, 29 e 30 de abril as probas de avaliación de diagnóstico que se aplican en toda España para cuarto de Primaria e segundo de ESO. Así o anunciou este mércores a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, nunha visita ao IES O Couto, en Ourense, onde a Consellería realiza unha pilotaxe en liña destas probas co obxectivo de poder aplicalas desa forma o próximo ano.

Desta forma, Judith Fernández explicou que este ano as probas realizaranse igual que en 2024. Con todo, Educación proba unha fórmula para que, a partir do próximo curso, as probas se realicen en liña. Este piloto dixital, que non ten ningunha validez no que aos resultados se refire, realízase en 102 institutos das provincias de Lugo e Ourense.

As probas deste ano, segundo as indicacións do Ministerio de Educación, amplían as áreas de competencias que serán avaliadas. En cuarto de Primaria haberá preguntas de matemáticas, lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura e lingua estranxeira. Ademais, este ano haberá de ciencias sociais e ciencias naturais. Pola súa banda, en segundo de ESO ás competencias en linguas e matemáticas, súmanse as de xeografía e historia, física e química e bioloxía e xeoloxía.

Proba piloto do IES O Couto, en Ourense
Proba piloto do IES O Couto, en Ourense | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta