Tellado critica a falta de orzamentos e acusa o Goberno central de "bloqueo institucional"

O portavoz do PP no Congreso, Miguel Tellado, participou nun acto en Viveiro xunto a Elena Candia

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 23/03/2025 | Actualizada ás 19:13

Comparte esta noticia

O portavoz do Partido Popular no Congreso, Miguel Tellado, asegurou este domingo en Viveiro que o Executivo de Pedro Sánchez está "incapacitado" para afrontar os compromisos internacionais de España, ao tempo que cualificou o actual Goberno central como un "Goberno de colisión" no que, segundo dixo, "os socios non se entenden".

O portavoz do PP no Congreso, Miguel Tellado, nun encontro este domingo do PP de Viveiro
O portavoz do PP no Congreso, Miguel Tellado, nun encontro este domingo do PP de Viveiro | Fonte: PP de Lugo

Durante un acto organizado polo PP de Viveiro, no que tamén participou a presidenta provincial dos populares en Lugo, Elena Candia, Tellado criticou que o país continúe funcionando con orzamentos prorrogados de 2023, e sinalou que esta situación "evidencia a improvisación" do Executivo estatal.

"España non ten orzamentos neste marzo de 2025. Non están prorrogados os do ano pasado, están prorrogados os do 2023", advertiu. Nesa liña, lembrou que "o mesmo Sánchez que lle dicía a Rajoy que sen orzamentos tocaban eleccións, agora leva toda a lexislatura sen uns novos".

Para o deputado galego, o actual Goberno "non é tal", senón un grupo de dirixentes "atrincheirados na Moncloa", que segundo afirmou "se aliaron para impedir que goberne quen gañou as eleccións". Engadiu que "non están dispostos a convocar eleccións" e afirmou que o presidente Sánchez actúa por "interese persoal".

Tellado asegurou que a vontade de Sánchez por manterse no poder responde á súa intención de "controlar o fiscal xeral do Estado e a Avogacía do Estado", insinuando que quere utilizalos para "defender a súa contorna política e familiar".

Ao seu xuízo, a solución pasa por un novo executivo liderado polo Partido Popular. "España merece un Goberno mellor, e iso só pode chegar da man do PP", asegurou. Para iso, insistiu en que o obxectivo dos populares é "gañar con máis forza nas próximas eleccións para que ninguén poida evitar un cambio".

"O PP traballa todos os días para botar a este Goberno", concluíu Tellado, sinalando que en 2023 "faltaron catro escanos" para formar goberno, polo que apelou a unha maior mobilización para futuras citas electorais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta