Rueda ante a masiva manifestación contra Altri que se agarda na Pobra: "Hai que respectar aos técnicos"

"Galicia necesita industrias que cren postos de traballo", defende.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2025 | Actualizada ás 17:01

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pediu escoitar as razóns dos técnicos que autorizaron a Declaración de Impacto Ambiental do proxecto que a multinacional lusa Altri quere instalar no municipio lucense de Palas de Rei e insistiu en que as industrias que cumpran "a estrita normativa ambiental" teñen que "estar en Galicia e crear a riqueza en Galicia".

Tras participar nun acto en Ourense, a preguntas dos medios sobre a manifestación contra Altri prevista este sábado na Pobra do Caramiñal, o titular do Goberno galego mostrou o seu "máximo respecto" coa xente que acudirá a esta protesta, pero pediulles que escoiten "as razóns dos técnicos que autorizaron ese proxecto porque entenderon que cumpría cos parámetros ambientais".

Nesta liña, subliñou que Galicia necesita industrias "que cren postos de traballo", xa que, apuntou, "senón vanse a establecer noutros lugares". "Se esas industrias cumpren, e isto vale para Altri ou para outras, estas industrias teñen que estar en Galicia e crear a riqueza en Galicia", aseverou o presidente da Xunta.

Por todo iso, Rueda volveu a insistir en que a Xunta "xamais vai autorizar ningún proxecto que non cumpra a estrita normativa ambiental" e defendeu que, neste caso, "máis de 40 técnicos examinaron máis de 30 informes onde se pon ademais unha folla en branco cunha serie de condicionantes" á empresa para "poder empezar a funcionar". "Aquí somos estritos e o seremos con calquera proxecto industrial, pero o noso deber é non deixar marchar proxectos industriais a outros territorios se poden estar aquí en Galicia creando riqueza e postos de traballo", resolveu.

O presidente da Xunta visita o novo Centro Down-Ourense
O presidente da Xunta visita o novo Centro Down-Ourense | Fonte: Xunta de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta