Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2025 | Actualizada ás 13:20
Integrantes de Vía Galega e Galiza Cultura rexistraron este mércores no Parlamento unha Proposición de Lei de Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) "sobre o dereito ao coñecemento e á contemplación permanente da multifacética obra de Castelao polo pobo galego". En declaracións aos medios, o portavoz de Vía Galega, Anxo Louzao, demandou que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao "non siga enterrado", senón que sexa unha figura "posta en valor".
"Sen dúbida, temos a sorte de ter un país que ten unha figura que é a máis relevante do século XX, que atesoura un ideal político nacionalista, unha obra literaria e artística de primeiro grao", reivindicou. Así mesmo, o presidente de Galiza Cultura, Xosé Manuel Carril, defendeu que esta ILP "evidencia que o carácter multifacético de Castelao non ten tradución práctica na Galicia do século XXI". "Cal é o grao de coñecemento da obra de Castelao, da súa actuación política, o grao de coñecemento de Castelao no ensino universitario e medio?", cuestionou.
DIFUSIÓN DA SÚA OBRA
Do mesmo xeito, a exdiputada do BNG e profesora Pilar García Negro preguntouse que medidas de promoción directa realizou a Xunta nos últimos 25 anos para "xeneralizar" ou achegar un "mínimo coñecemento" sobre a figura do intelectual de Rianxo nos distintos niveis educativos. Durante estes anos houbo na Xunta gobernos do PP, do PSdeG e do BNG.
Nesta liña, García Negro demandou que haxa na educación unha presenza "acorde a quen Castelao foi" e, entre outras cousas, que haxa visitas ao Museo de Pontevedra, que alberga a maior parte da súa obra. "Non estamos en posicións maximalistas en absoluto. O legado artístico de Castelao non é inferior a 4.000 pezas, un valor artístico incomparable", aseverou. Pediu tamén "un edificio íntegro" que conmemore a unha figura como Castelao.
Así, a ILP apela a difundir a obra de Castelao a través dos medios de comunicación, do sistema educativo e co uso das tecnoloxías, así como á edición "a prezo económico" da súa obra que "remedie", engadiu, a "pequena selección" editada pola Xunta no 2000 e que, tal e como apuntou García Negro, "contiña cero liñas de Sempre en Galiza".
Por outra banda, denunciaron que tivesen que realizar as declaracións aos medios na entrada do Parlamento e non no interior das instalacións, posto que desde os servizos da Cámara explicóuselles que só pode facer uso persoal acreditado. Cabe destacar que unha ILP nesta mesma dirección xa se debateu no Parlamento de Galicia no ano 2015, pero non prosperou ao contar cos votos negativos dos deputados do PPdeG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.