Como recoñecer unha seita: sinais de advertencia, estratexias de captación e consecuencias para as vítimas

Dende a Universitat de Barcelona (UB), o grupo Invictus, composto por múltiples científicos entre os que se atopa a galega Enma Antelo, elaborou unha serie de ferramentas para evaluar o abuso psicolóxico nestes grupos e as súas consecuencias, expostas no X Encontro Nacional sobre Abuso Psicolóxico e Seitas celebrado a pasada semana en Santiago de Compostela.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 17/03/2025 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

A simple vista, moitas seitas non se presentan como tales. Poden disfrazarse de grupos de autoaxuda, movementos espirituais, cursos de crecemento persoal ou mesmo iniciativas de voluntariado. Sen embargo, tras a súa aparente inofensividade, agochan dinámicas de manipulación, control psicolóxico e explotación que poden atrapar a persoas de calquera idade ou perfil. Identificar unha secta non sempre é doado, pero existen sinais de advertencia clave: a adoración cega a un líder, o illamento do mundo exterior, a presión para entregar cartos ou bens e a supresión do pensamento crítico, entre outros. A medida que estas organizacións evolucionan e se adaptan aos tempos --mesmo empregando as redes sociais para captar seguidores--, é crucial coñecer os seus métodos e saber como protexerse. Dende a Universitat de Barcelona (UB), o grupo Invictus, composto por múltiples científicos entre os que se atopa a galega Enma Antelo, elaborou unha serie de ferramentas para evaluar o abuso psicolóxico nestes grupos e as súas consecuencias, expostas no X Encontro Nacional sobre Abuso Psicolóxico e Seitas celebrado a pasada semana en Santiago de Compostela.

Sectas e grupos coercitivos
Sectas e grupos coercitivos | Fonte: Commons

Así, no tocante ao abuso psicolóxico en grupos, Antelo explica que "o marco no que traballamos céntrase en grupos nos que se leva a cabo un proceso de aplicación sistemática e continuada de estratexias de presión, control, manipulación e coacción co obxecto de dominar a outras persoas para sometelas ao grupo". Así, estas seitas "caracterízanse pola duración continuada, a natureza abusiva e o sometemento como obxectivo", o cal "conleva consecuencias adversas de diferentes dimensións en función de factores como o tempo da estancia, o rango, as relacións xeradas dentro do grupo...". No día a día, a investigadora resalta que "hai veces que a xente pregunta se ás persoas que entran en sectas lles lavan o cerebro, coma se fose algo máxico, cando, en realidade, as seitas non teñen nada de máxico, senón que se trata de aplicar estratexias de influencia social moi estudadas tanto dende a psicoloxía como dende a criminoloxía", isto é, "son condutas humanas, aínda que levadas ao extremo, cuxo obxectivo é someter a outras persoas". E convida a rachar tamén con esa visión que moitas veces se ten do líder como "alguén con capacidades fantásticas ou misteriosas", porque "o único que fai é empregar estratexias de control".

Tendo isto claro, tamén hai que ter en conta que existen na actualidade seitas de moitos tipos, aínda que as máis frecuentes e recoñecidas continúan a ser as relixiosas. Máis aló delas, tamén se pode atopar unha gran diversidade de grupos de desenvolvemento persoal, esotéricos, comerciais, políticos... A variedade está servida. Deste xeito, Antelo matiza que "cada un destes grupos ten un perfil diferenciado que habería que estudar pormenorizadamente para adaptalo a cada caso concreto", pero, dende a UB, "fixemos unha clasificación que servise de maneira xeral para comprender e explicar o fenómeno". Máis en concreto, a primeira ferramenta que se elaborou foi unha taxonomía, porque "había moitas teorías sobre o abuso psicolóxico e a persuasión cohercitiva, pero precisabamos dunha que tivese definicións operativas moi concretas e excluíntes entre si, de maneira que quedase moi claro o que era unha seita". Así, chegaron a diferenciar seis grandes categorías de estratexias de abuso psicolóxico que se dán nestes grupos, sendo a máis visible delas o illamento, pero habendo tamén outras que adoitan pasar máis desapercibidas:

  • Illamento: Estratexia de abuso psicolóxico que busca distanciar aos membros do grupo de todos os aspectos da súa vida, da súa familia; dos seus amigos e da súa rede de apoio social; do seu traballo, dos seus estudos e das súas afeccións; e ata do seu lugar de residencia, en última instancia.
  • Control e manipulación da información: A estratexia de manipulación da información pasa polas míticas frases de 'isto non o contes na casa, nin aos amigos, porque non che van entender', ata a irrupción das mensaxes en redes sociais como unha nova maneira de manipulación. E, no tocante á manipulación da linguaxe, esta consiste no emprego de palabras clave ou dun determinado vocabulario exclusivo do grupo que forma parte do sometemento ao mesmo.
  • Control da vida persoal: Estratexia baseada no control de todos os aspectos da vida do grupo que non se fai de inmediato e non se percibe nada máis a persoa entra na secta, senón que se vai implantando pouco a pouco, para evitar que así fuxa da mesma o primeiro día. Este control abarca dende o ámbito económico ata o das actividades e ocupación do tempo de ocio, pasando polo comportamento e as relacións afectivas e vida social, ou o estado psicofísico. Sobre este último punto, cómpre resaltar que o feito de incitar a un membro do grupo a realizar actividades que conleven que sempre se manteña cansado, coma menos ou durma menos, tamén favorece o feito de que a persoa se atope máis débil e, polo tanto, estea máis exposta ao control. Así mesmo, este control nos casos máis extremos pode chegar a determinar a propia existencia, co suicidio colectivo como o exemplo máis crú do mesmo.
  • Abuso emocional: Estratexias dirixidas a influír sobre os sentimentos da persoa. Por unha banda, inclúese nestas estratexias a activación interesada de sentimentos positivos, o que levado á práctica podería traducirse en que os membros do grupo che dean un abrazo o primeiro día en que chegas ou a que che fagan sentir comprendido e arroupado para que te atopes a gusto e queiras volver. Pola outra, tamén se centran na esixencia á persoa de que se entregue ao 100 % ao grupo, mesmo usando a intimidación ou as ameazas en caso de ser necesario. Deste xeito, cando queira saír do grupo podería escoitar frases como 'ti saberás se saes agora a que te enfrontas' ou 'se saes do grupo non vas volver falar con nós'. Tamén o emprego do desprezo, da humillación e do rexeitamento, animando á persoa a confesar sentimentos 'desviados' como se o grupo fose o único que lle pode outorgar o perdón polo seu malestar e sensación de culpa en relación a estes sentimentos.
  • Adoutrinamento nun sistema de crenzas absoluto e maniqueo: Estratexias centrazas en lograr que a crenza na ideoloxía que ten o grupo se volva absoluta, sendo esta unha ferramenta máis para explicar o abuso psicolóxico, aínda que logo unha vez que a persoa logra saír do grupo tamén poida ter máis implicacións. E é que se trata de facer que a persoa pense na súa vida pasada como algo negativo, rexeitando todo o anterior á pertenza aoo grupo, denigrando o pensamento crítico e esixíndolle que se identifique plenamente coa ideoloxía propia do grupo como se fose a verdadeira e coma se non existisen outras opcións. Así, ponse a doutrina do grupo por enriba das leis, algo que se pode ver en casos soados de grupos que mesmo teñen os seus propios tribunais e xurados, de maneira que os membros do grupo, se cometen un delito, teñen que pasar primeiro polo tribunal e a lei do grupo antes de facelo pola xustiza ordinaria. Ademais, o adoutrinamente tamén pasa por conseguir que a persoa crea que todo o que hai no grupo é marabilloso mentres que o que hai fóra é malo.
  • Imposición dunha autoridade única e extraordinaria, a figura do líder: Estratexia pola que se implanta nos membros do grupo a crenza de que o líder do mesmo é a autoridade máis absoluta, a reencarnación dun deus ou algo equivalente en función do tipo do grupo de que se trate, como se só el tivese a verdade absoluta das cousas.

A partir desta taxonomía desenvolveuse unha escala de abuso psicolóxico en grupos experimentados (PAEGS) que reúne 31 ítems medibles con puntuacións do 0 ao 4. "A nivel de investigación empregamos esta escala para medir se estes ítems teñen relación directa ou indirecta coas consecuencias de que a persoa estivese dentro dun grupo cohercitivo ou con variables psicolóxicas doutro tipo", apunta Antelo. Son os seguintes:

  • Fixeron que sentise rexeitamento cara a miña vida anterior ao formar parte do grupo
  • Fixéronme crer que correría un peligro considerable se abadonaba o grupo
  • Para establecer relacións afectivas debía contar coa aprobación do grupo
  • Agardaban que confesara calquera acto ou sentimento que puidera apartarse da ideoloxía do grupo
  • Fixéronme crer que debía rexeitar calquera cousa allea ao grupo
  • Comportarme dacordo coa ideoloxía do grupo debía ser máis importante para min que eu mesmo
  • Desacreditábanme se custionaba algún aspecto da ideoloxía do grupo
  • Insistíronme para que fose vivir con membros do grupo
  • Trataron de que me distanciara da miña familia
  • Fixéronme sentir culpable por cousas pequenas e sen importancia
  • Presionáronme para que abandonara as miñas actividades de ocio alleas ao grupo
  • Fixéronme empregar unha xerga propia do grupo que alteraba o significado habitual das palabras
  • Facíanme participar en tantas actividades diarias que ocasionaban o meu esgotamento
  • Fixéronme crer que o líder do grupo tiña unha autoridade incuestionable
  • Controlaban en que ocupaba o meu tempo
  • Indicáronme que enganara aos demais sobre aspectos concretos do grupo
  • Fixéronme que cambiara aspectos da miña identidade e forma de ser para adaptalos á ideoloxía do grupo
  • Animáronme a que abandonara os meus estudos ou o meu traballo
  • Fixéronme ver ao líder como unha autoridade indiscutible que tiña que ser obedecida
  • Querían que estivese preparado para facer grandes sacrificios
  • Ocultáronme información relevante sobre quen eran e o que se facía realmente no grupo
  • Fixéronme ver ao líder como alguén con características moi especiais e claramente superiores
  • A autoridade que me impoñía un castigo podíame conceder o perdón cando ela quería
  • Mentíronme sobre a finalidade do grupo
  • Amosábanme rexeitamento cando consideraban que desobedecía algunha indicación do grupo
  • Presionáronme para que me distanciara das miñas anteriores amizades
  • Procuraron que pasara o máximo tempo posible con membros do grupo
  • Vixilaban a miña forma de comportarme
  • Intentaron coñecer con detalle a miña situación económica
  • Fixéronme crer que todo o do grupo era bo e todo o de fóra era malo
  • Humillábanme se non facía o que se agardaba de min

Ata o de aquí, os investigadores da UB estudaran moi ben as estratexias de abuso psicolóxico en grupos e había múltiples aportes que falaban do custe que este abuso tiña para as víctimas. Con todo, Antelo precisa que, "dentro da psicoloxía, a maioría dos estudos falan de síntomas psicopatolóxicos como a ansiedade e a depresión, e de síntomas disociativos e psicóticos como o trastorno de estrés postraumático, é dicir, de síntomas dos que as vítimas poden recuperarse co tempo". Pero lamenta que "a realidade é que hai persoas que saen do grupo e que non presentan ningún destes síntomas, pero si dificultades psicosociais relacionadas co que experimentaron no grupo, de maneira que aínda que esas dificultades non encaixen dentro dos trastornos psicopáticos, non por iso a persoa se atopa ben e recuperada". Debido a isto, dende o UB fixeron outra taxonomía na que incluíron os problemas relacionais, emocionais, cognitivos e de integración social, entre outros, que podían experimentar estas persoas que formaran nalgún momento parte de seitas:

  • Problemas emocionais: a ansiedade e o medo, que non teñen por que estar relacionadas directamente co ataque de pánico, pois o medo pode sentirse tamén polo que vai facer o grupo unha vez a persoa o deixe, as represalias que tomará, ou tamén polo medo a non poder adaptarse fora do mesmo, á sociedade real. A isto habería que sumar tamén a posibilidade de sentir un duelo ou unha perda por deixar de formar parte dalgo no que a persoa pasou moito tempo, deixando dentro non só cousas materiais como os cartos, senón tamén relacións de afecto coas persoas que continúan no grupo. Este aspecto marca a diferenza clave con respecto a outros tipo de violencia. Tamén cómpre resaltar o sentimento de vergoña e culpa que estas persoas poden experimentar por parte da sociedade, porque como explica Antelo, "coas sectas estamos agora a nivel de comprensión social como estabamos coa violencia de xénero no ano 2000, de maneira que a maior parte da sociedade normaliza frases como 'como puideches meterte aí?' ou 'vaia tonta'". "Non fixemos ese cambio a nivel social aínda, polo que se tende a botar a culpa ás propias víctimas. Ademais, a culpa tamén pode derivar de deixar dentro do grupo a persoas queridas ou a persoas que o propio ex membro animou a entrar, así como culpa por cousas feitas baixo a manipulación do grupo. A todos estes problemas habería que sumar tamén os sentimentos de tristeza, desesperanza, rabia e ira e os baixóns de autoestima.
  • Problemas cognitivos: que van dende o embotamento cognitivo, porque tan saturada queda a persoa unha vez sae do grupo que logo lle custa pensar e non consegue ordenar os pensamentos, ata o problema coa toma de decisións, como por exemplo as que implican que roupa poñerse se o grupo obrigaba aos membros a levar un determinado atuendo. Tamén os problemas de identidade, que se dan máis fortemente en persoas que naceron dentro do grupo, porque a xente que entra nel ao longo da súa vida adulta pode volver á vida que levaba con anterioridade unha vez sae do mesmo, pero as que non coñeceron outra cousa non teñen un pasado máis aló do grupo ao que volver. Así mesmo, tamén aparecen problemas asociados á rumiación, que se basea en estar constantemente dándolle voltar a todo o que pasou no grupo ou ao que puido ter pasado. E tamén a evitación de facer cousas porque recordan a outras que se facían no grupo. Ademais tampouco cómpre menosprezar o efecto da ideación paranoide, xa que, en moitas ocasións, pode ter visos de realidade, porque son ben coñecidos casos de grupos que perseguen aos seus ex membros unha vez estes abandonan a secta. Finalmente, sinalar tamén os estados disociativos nos que a persoa se escuda para poder superar a saída do grupo e a súa vida sen el.
  • Problemas relacionais e de integración social: que inclúen a falta de actividades sociais, os problemas para comunicarse ou interactuar cos demais, os problemas para facer novas amizades, os problemas para volver establecer relacións íntimas, os problemas de integración social, os problemas para adaptarse ao ámbito laboral e tamén os problemas económicos.
  • Outras condutas problemáticas específicas: entre as que destacan a somatización, a dor de cabeza, as alteracións do sono, os trastornos da conduta alimentaria e mesmo problemas sexuais ou condutas aditivas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta