Hai antídoto contra as seitas? Estás seguro de que nunca caerías nunha?

Galicia Confidencial fala con Alba Abanades, investigadora en Personalidade, Emoción e Saúde na Universidade de Zaragoza para dar resposta a unha pregunta incómoda: podería calquera de nós caer nunha seita?

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 18/03/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cando pensamos en seitas, adoitamos imaxinarnos grupos herméticos, líderes carismáticos e seguidores fanatizados. Tendemos a pensar que só as persoas vulnerables ou inxenuas poden ser captadas e que nós, coa nosa educación e sentido crítico, estariamos a salvo. Pero, é isto realmente certo? A captación sectaria non é un fenómeno simple nin predicible. Non sempre implica coerción evidente nin estratexias burdas de manipulación. En moitos casos, as seitas preséntanse como comunidades acolledoras, con promesas de crecemento persoal, benestar emocional ou respostas ás incertezas da vida. As súas técnicas de persuasión foron estudadas amplamente por psicólogos e sociólogos, como vimos nunha reportaxe anterior, e amosan que ninguén está completamente a salvo. Galicia Confidencial fala con Alba Abanades, investigadora en Personalidade, Emoción e Saúde na Universidade de Zaragoza, que participou a pasada semana no X Encontro Nacional Sobre Abuso Psicolóxico e Seitas celebrado en Santiago, cunha poñencia titulada 'Malas prácticas terapéuticas e dinámicas coercitivas, unha análise mediante viñetas clínicas'. Así, tratamos de respostas coa súa axuda a unha pregunta incómoda: podería calquera de nós caer nunha seita?

Terapia psicolóxica
Terapia psicolóxica | Fonte: Commons

Abanades formou parte dunha investigación --xunto a Francisco González-Espejito e Carmen Almendros-- cuxo obxectivo era determinar o coñecemento que tiñan diferentes grupos de poboación sobre o que é unha boa ou unha mala práctica dentro dun enfoque terapéutico, xa que, como ela mesma afirma, "é moi difícil medir as malas prácticas se ti non sabes identificar que é ou que non é unha mala práctica", o que dá lugar a que, "moitas veces, por ese descoñecemento, as persoas rematen entrando en contornas coercitivas, é dicir, en seitas, pensando que están entrando nalgo terapéutico e sen darse conta desas bandeiras vermellas que moitas veces se poden observar neste tipo de grupos que se venden con enfoque terapéutico". E é que, "se á vulnerabilidade que xa ten a persoa no momento en que se plantexa buscar unha axuda terapéutica lle sumas o descoñecemento sobre o que é unha boa ou unha mala práctica, corre máis risco de ser captada por unha contorna coercitiva e con manipulacións", advirte a investigadora. Así, un dos grupos obxecto da análise foi o da poboación xeral. Déronselle aos enquisados varias viñetas para que puxesen se estaban ante boas ou malas prácticas.

"ENTRE A POBOACIÓN XERAL EXISTE UNHA TENDENCIA Á DELEGACIÓN TOTAL DA OPINIÓN CANDO SE ENTRA EN CONTACTO CUN PSICÓLOGO OU  CUN TERAPEUTA"

O resultado obtido entre a poboación xeral? "Vimos que había moito descoñecemento, pois a maioría de persoas marcaba que non sabían se certas viñetas eran unha boa ou unha mala práctica e mesmo nalgúns casos se equivocaban e marcaban como boa práctica algo que non era tal", conta Abanades, que evidencia o perigoso deste resultado, pois "se non sabes se unha situación que se che presenta é normal ou non, vas estar en risco de poder rematar entrando nun destes grupos coercitivos". Así mesmo, a maioría das persoas manifestaban "unha certa crenza de que o psicólogo, o terapeuta ou o líder, no caso dos grupos coercitivos, é o que ten a razón en todo e o que debe dirixilos", de xeito que "prodúcese unha especie de delegación total da opinión destas persoas". Sobre isto, a investigadora convida a reflexionar co que acontece noutro tipo de servizos, pois "cando ti vas mercar un coche, o vendedor do concesionario pódeche ofrecer e recomendar, pero ti non vas mercar o coche que el che diga, senón o que a ti che pareza mellor". Pola contra, "en contornas terapéuticas, e máis cando se trata de sesións consecutivas, si semella que as persoas tenden a facer todo o que o experto en cuestión diga, delegando totalmente a súa subxectividade e as súas opinións". O perigo é que "isto fainos moi vulnerables", advirte Abanades.

"ENTRE OS PSICÓLOGOS É PRECISO REFORZAR ALGÚNS CONCEPTOS COMO AS RELACIÓNS DUAIS, O TRATAR A VARIOS PACIENTES CON RELACIÓN ENTRE SI"

Terapia psicolóxica
Terapia psicolóxica | Fonte: Commons

Por outra banda, a investigación tamén se propoñía coñecer ata que punto os propios psicólogos, profesionais formados que contan con maior información que a poboación xeral sobre cales son as boas e as malas prácticas, podían igualmente chegar a caer nestes grupos ou a cometer malas prácticas sen ser conscientes. E é que "teñen máis información que o resto da sociedade, pero vimos que non a suficiente". "Vimos que presentaban dúbidas con algúns dos conceptos, aínda que en xeral si identificaban correctamente as situacións", pero a investigadora considera que "segue facendo falta reforzar algúns aspectos de coñecemento", porque "na nosa profesión debemos ter sempre moi claros, a través da nosa formación, os comportamentos que si constitúen malas prácticas e os que non", e hai determinados casos nos que esa claridade non é tan evidente. Entre os conceptos que máis custaban identificar aos psicólogos, viron que se atopaba o das relacións duais, isto é, "que aparte de tratar a un paciente en concreto poidas tratar tamén a outra persoa da súa contorna". "Cando este tipo de cousas se normalizan poden xerar situacións de conflito, e son moi habituais en grupos coercitivos", advirte. Tamén sinala o concepto de confidencialidade, sobre todo no mundo actual no que moitas persoas empregan as redes sociais como ferramenta de promoción e hai psicólogos que comparten información de pacientes nesas redes. "Semella algo inocuo, pero compartir información privada dos pacientes tamén é unha mala práctica", resalta.

"NOS GRUPOS COERCITIVOS, AS RELACIÓNS DUAIS ESTÁN PRESENTES TODO O TEMPO, POIS O TERAPEUTA OU LÍDER É O QUE TRATA A TODOS OS MEMBROS"

Unha terceira pata do traballo pasaba por determinar o risco de recaída observando se persoas que xa pasaran por esas experiencias, é dicir, que xa estiveran formando parte dun grupo coercitivo no pasado, eran quen de identificar as boas e as malas prácticas a nivel terapéutico. Neste caso os investigadores observaron que "o seu coñecemento sobre as boas e as malas prácticas era moito maior", pois á fin e ao cabo xa as experimentaran. Ao respecto destas persoas, Abanades apunta a que "escollemos persoas que xa se identificaban eles mesmas como vítimas, polo que a maioría xa tiñan moi claro o que implicaba todo o que viviron dentro deses grupos coercitivos e as súas consecuencias". Deste xeito, sinala que "o seu tratábase dun coñecemento moi práctico, baseado na propia experiencia". Con todo, si presentaban, ao igual que os psicólogos, algunhas dúbidas con certas cuestións, como o caso das relacións duais. E é que cómpre resaltar que, "normalmente, nas contornas coercitivas, as relacións duais están presentes todo o tempo, pois o líder ou o terapeuta do grupo é o de todos os membros, habendo sesións grupais e recibindo amigos e mesmo familiares a mesma terapia continuamente".

"CANDO O LÍDER DUN GRUPO FAI UN DIAGNÓSTICO MOI PRECOZ, SEN TER A INFORMACIÓN SUFICIENTE, SÉRVELLE PARA ASUSTALA E 'ENGANCHALA'"

A maiores, un concepto que Abanades sinala como unha das boas prácticas que nestes grupos coercitivos ou sectas se obvia é a do consentimento e mesmo o consentimento por escrito. "Cando entramos nun lugar no que non se nos explica claramente cal é o obxectivo a perseguir e no que non se observa un claro encadre terapéutico, ese é un sinal de alarma, porque ao non dicirnos como van ser as cousas no grupo, non sabemos a que nos estamos comprometendo ao entrar nel". "Cando a información que nos proporcionan é difusa, ese sempre é un sinal de risco", destaca. Así mesmo, fai fincapé tamén nas diagnoses ou autorevelacións moi rápidas. "Cando sen ter feito unha avaliación xa me están dicindo cousas moi fondas, revelacións moi grandes ao pouco de coñecerme, iso non é un bo sinal", advirte, e resalta que "o proceso terapéutico de cada quen será diferente en función do problema a tratar, polo que un bo sinal é que haxa unha avaliación e que, seguidamente, me devolvan a información e o diagnóstico do que evaluaron". Pola contra, "un mal sinal é cando dende o comezo xa che din que saben o que che ocorre", pois "o que buscan estes grupos con iso é terte 'enganchado' e convencido de que eles saben o que precisas, polo que tes que continuar con eles para poder resolver os teus problemas". Así, a investigadora expón que "cando nestes grupos o líder ou outro membro lle fai a unha persoa un diagnóstico moi precoz, sen ter a información suficiente, sérvelle para asustala e 'enganchala'".

Terapia de grupo
Terapia de grupo | Fonte: Adobe Stock
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta