A CIG á conselleira Fabiola García: "Xa está ben de que se faga a vítima por non se sabe que cómic"

Traballadores de residencias e centros de día privados de Galicia fará folga os días 10 e 22 de abril, e 7 e 21 de maio

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2025 | Actualizada ás 13:27

Comparte esta noticia

A CIG convocou varias xornadas de folga para os traballadores de residencias e centros de día de titularidade privada en Galicia para os días 10 e 22 de abril, e 7 e 21 de maio. O principal obxectivo de chamar á patronal a negociar un convenio que inclúa melloras nas condicións laborais e retributivas, xa que "moitas cobran por baixo do salario mínimo". Tamén critican á conselleira Fabiola García por facerse a "vítima" tras a polémica na que aparecía nunha tira de banda deseñada.

Ademais, o sindicato avanzou unha manifestación para o sábado 26 de abril en Santiago, á que chaman a sumarse a asociacións de familiares e usuarios de xeriátricos. Todo iso avanzouse este luns nunha rolda de prensa na que participaron o secretario de Negociación Colectiva de CIG-Servizos, Adolfo Naya; a responsable da CIG no sector de residencias privadas de Ferrolterra, Beatriz Fernández; e a presidenta do comité de empresa de DomusVi en Ourense, Manuela Doval.

Acusaron á patronal do sector de negarse a chegar "a ningún tipo de acordo nin de proposta" para renovar un convenio que data do ano 2023, un conflito que leva "enquistado" desde outubro. As condicións actuais, denunciaron, son de "escravitude" e levan ás traballadoras do sector --a gran maioría son mulleres-- a non poder prestar atención aos usuarios de forma "digna".

Entre as principais reivindicacións están "un salario digno" para non "ir traballar por un prato de lentellas". Segundo as súas cifras, do total de 12.000 traballadoras do sector en Galicia, hai "unhas 8.000" que cobran por baixo do salario mínimo. Tamén demandan ter "cubertas" as incapacidades temporais, porque agora mesmo enfermar é "un artigo de luxo" para elas. Neste sentido, relataron que, por exemplo, se se contaxian de covid descóntanselles "" os días de baixa do soldo.

Ademais, piden que se lles reduza a xornada para "equipararse á pública" e que se lles compensen os festivos, ben economicamente ou ben con libranza. Con todo, os sindicalistas aseguran que "o salario é o de menos", porque o que queren é "traballar cunhas condicións mínimas". "Para nós e para eles", engaden, en referencia aos usuarios. Tal e como denuncian, as empresas do sector "tratan como números" tanto aos empregados como aos residentes. "Aquí falamos moito de humanidade. Traballamos con xente maior, psicolóxica e fisicamente estamos feitas po a maioría", agregaron.

A CONSELLEIRA, "VICTIMIZADA" POR UNHA VIÑETA

Os responsables da CIG tamén dirixiron as súas críticas cara á Xunta, dado que a maioría de empresas do sector contan con servizos concertados. Máis en concreto, reclaman á conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, que os reciba, "se imlique" no conflito e medie coa patronal. "Xa está ben de que se faga a vítima por non se sabe que cómic", espetou Naya, en referencia á polémica viñeta distribuída pola CIG na cal aparece a conselleira caricaturizada como unha muller cun bolso de marca e que afirma que lle "matan" as rebaixas.

Os sindicalistas consideran que García, que "sente ofendida e victimizada", busca "crear polémica" con este asunto para "non falar do fundamental": as condicións das residencias tanto públicas como privadas. Así mesmo, a central nacionalista volveu a denunciar o ingreso nestas residencias de persoas menores de 65 anos que padecen doenzas mentais, algo para o que --afirman-- "non están preparados".

Rolda de prensa de CIG-Servizos para informar da convocatoria dunha folga en residencias e centros de día privados
Rolda de prensa de CIG-Servizos para informar da convocatoria dunha folga en residencias e centros de día privados | Fonte: Europa Press

ACUSA Á XUNTA DE ATRASAR A NEGOCIACIÓN DO DECRETO REGULADOR DA FP

Por outra banda, CIG-Ensino acusou á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP de atrasar a negociación e aprobación do novo decreto galego que regula a Formación Profesional, co obxectivo de que o profesorado e os sindicatos "non teñan marxe de resposta ante decisións que poden resultar lesivas". Así o asegura a organización maioritaria no ensino público nun comunicado tras a reunión do Consello Escolar de Galicia celebrado o venres pasado, no que o conselleiro do ramo, Román Rodríguez, anunciou --segundo a CIG-- que o novo texto chegará en abril á mesa sectorial e ao Consello Galego de FP.

O sindicato nacionalista critica que, se se cumpre este calendario, que o ve "bastante improbable", o persoal docente "non coñecerá" o decreto polo que se rexerá o seu traballo, nin os currículos dos novos módulos que entrarán en vigor tras a reforma deste nivel que introduciu a lei estatal. En definitiva, a CIG-Ensino urxe a convocatoria dunha mesa sectorial e volve lamentar o "modus operandi" da Dirección Xeral de FP da Xunta, "que é, con diferenza, o departamento dependente da Consellería que menos interlocución mantén coa representación lexítima do profesorado".

"A ORDENACIÓN XA ESTÁ FEITA"

Tras este comunicado da CIG, Educación nega que exista ese atraso porque "a ordenación xa está feita desde o pasado curso", que "está a discorrer con absoluta normalidade". Así, refírese a a orde provisional con instrucións que se aplicaron este ano en 1º curso --a implantación da nova normativa é paulatina-- e que a partir de setembro ampliarase ao 2º: "Isto non varía nada a efectos prácticos". Neste sentido, a Consellería atribúe o "atraso" ao Goberno central na publicación da reforma do Real Decreto de Ordenación da FP, o que supuxo que a Xunta tivese que elaborar esta orde provisional para "darlle seguridade e certezas aos centros".

"A día de hoxe aínda queda normativa estatal pendente de publicar. E, en moitos casos, hai falta de concreción. Isto fai que a inmensa maioría das comunidades autónomas non teñan publicados os seus decretos e que, algunhas como Aragón que si o fixeron, teñan agora que modificalo", critica o departamento que dirixe Román Rodríguez. Ademais, a Consellería asegura que a normativa "está lista" e que esta mesma semana informarase os directores dos centros. "Por tanto, o traballo está en marcha e xa case pechado seis meses antes do inicio próximo curso", conclúe Educación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

O que diga Fabiola non é o problema. O problema é que en Vigo temos "regalada" unha Residencia de Maiores que a paga a Fundación Amancio Ortega e como non lle gusta ao alcalde o sitios (ETEA) pois non moven un papel hai CINCO anos ! E pregunto por que a CIG non lle monta un bo "escrache" a Abel Caballero en Vigo ? Os vellos non temos residencias públicas na cidade máis grande de Galicia e aquí a todo dios lle importa unha figa !!! https://flic.kr/p/oW9ban

1 Sentidiño

Victimizarse, si, e con razón. Aí a Cig meteu a pata, esa batalla xa está perdida. Que cesen as persoas responsábeis, e a pensar na próxima.