Por Xurxo Salgado | Compostela | 17/03/2025 | Actualizada ás 15:04
Todo segue xirando en torno aos "técnicos". Os técnicos son os reponsables de que Altri teña recibido favorablemente os informes de impacto ambiental (DIA) e tamén poden ser técnicos os que decidan excluír a esta multinacional portuguesa das axudas a pertes industriais dos fondos Next Generation. O goberno galego insistiu por activa e por pasiva na "rigurosidade" dos informes deste técnicos para aprobar que a megacelulosa de Altri se instale en Palas de Rei, algo que para os partidos da oposición, veciñanza e colectivos contrarios é unha "decisión política" do Executivo do PPdeG.
E, agora, é o Goberno central o que di que tamén dependerá da decisión de "técnicos" que a multinacional portuguesa reciba os 250 millóns de euros de fondos Next Generation que pide. Pero, curiosamente, neste caso, Rueda ve unha "decisión política" que o Executivo de Pedro Sánchez poida exluír este proxecto desas subvencións. "Non imos dicir moito máis do que dixo o ministro, creo que foi moi claro e, ademais, contundente. Son os técnicos dos ministerios os que van determinar se van formar parte desas axudas", dicía este luns o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.
"Eu volvo insistir en que nós queremos o mesmo tratamento que se lle deu a outras autonomías.", dixo Rueda ao ser preguntado por Galicia Confidencial se respectará el tamén a decisión dos técnicos do Goberno central que avalíen o expediente. E incidiu en que, este, polo momento "non se deu", tendo en conta que o Goberno esixiu a DIA para analizar o proxecto que promove Altri e, con todo, comprometeu financiamento para outros proxectos "moito antes" de que contasen con este trámite. "Aí vese unha decisión política clara, á marxe das comprobacións que despois se poidan facer desde o punto de vista técnico", apostilou.
O presidente galego insistiu en que, en Galicia, o tratamento deste proxecto foi diferente. "Espero que, desde a valoración técnica --do Ministerio de Industria-- se faga o mesmo. Espero que haxa máis repecto a estes técnicos do que houbo aos técnicos da Xunta", engadiu.
CRÍTICAS A CENTRALIZACIÓN DAS AXUDAS
De feito, o presidente da Xunta foi moi crítico co Goberno central por "centralizar" as axudas dos fondos europeos. "Son eles os que deciden o finaciamento dos proxectos", apuntou ao tempo que deixou claro que a multinacional portuguesa non terá ningún tipo de axuda específica do Goberno galego. "Se me pregunta se terá axudas concretas. Non. Nós non manexamos miles de millóns que teñen no Goberno central", indicou.
En todo caso, aclarou que a petición de axudas europeas é cuestión da empresa e non da Xunta. "O financiamento será unha cuestión da empresa e supoño que se terán dirixido a outros estamentos cos informes pertinentes. O único que pido é o mesmo tratamento que se lle está dando a outros no resto do Estado", engadiu. Así, lembrou que ese proxecto xa ten a DIA aprobada e "agora espero que se actúe en consecuencia".
CONFIANZA NO PROXECTO DE ALTRI
Rueda volveu pedir "confianza" a este proxecto tras as numerosas críticas aos permisos outorgados a megacelulosa para instalarse en Palas de Rei. "Eu o que lle diría a todos os galegos é que poden confiar en que todos os proxectos industirias son analizados de xeito riguroso, como este e outros que temos e outros que virán despois", dixo. Así, defendeu a DIA deste proxecto porque se emitiu con máis de 40 informes, con "moitos" técnicos implicados e con estudos "rigorosos". "O que nos move é a obxetividade e preservar que os proxectos industirias queden en Galicia e non marchen a outras autonomías", dixo.
CRÍTICAS CHIPPERFIEL
Sobre as críticas do arquitecto David Chipperfield a instalción de Altri en Galicia, Rueda dixo que "respecta" a súa reflexión, pero aclarou que tamén hai "opinións" a favor. Despois de lembrar que este arquitecto, radicado en Galicia, ten traballos coa Xunta, engadiu que non sabe se "terá toda a información apropiada" para dar esa opinión. "Non sei baixo que parámetros opina", suliñou.
BNG
Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, esixirá ao Goberno que denegue conceder fondos europeos para o proxecto de Altri na localidade lucense de Palas de Rei. Nun comunicado, o Bloque informou de que, a través dunha pregunta na sesión de control ao Executivo central, cuestionará ao Ministerio de Industria sobre a posibilidade de que se deneguen os fondos públicos do proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (Perte) de descarbonización que solicita Altri, "debido ao seu impacto ambiental e socioeconómico negativo" para Galicia.
Tamén a europeduptada nacionalista Ana Miranda demandou ante a Comisión de Peticións da Eurocámara que o proxecto de Altri quede excluído dos fondos europeos que solicita porque se trata dunha iniciativa "contaminante que vulnera directivas". "Os fondos europeos teñen que servir para a protección da nosa terra e o saneamento das nosas rías, non para destruílas; e faremos todo o posible para que Altri non os reciba", defendeu Miranda ante a Comisión de Peticións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.