Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/03/2025 | Actualizada ás 13:19
Centos de persoas encheron a Praza de Galicia de Arzúa --un dos Concellos da conca do Ulla-- para clamar contra o proxecto que Altri quere instalar en Palas de Rei (Lugo) e para rexeitar "con contundencia" a resolución ambiental da Xunta. Pola súa banda, a Xunta respondeu aos que non queren a megacelulosa "que se opoñen ao progreso".
Cánticos como "A auga é nosa e non dA celulosa"; "Altri mata e a mina remata"; "Nin Altri nin mina, Rueda Contamina"; "Altri Non!", resoaron este domingo ás 12,00 horas na localidade coruñesa de Arzúa --coincidindo coa súa recoñecida Festa do Queixo-- para demostrar que o proxecto "terá licenza administrativa pero non social". "A Xunta publicou a Declaración de impacto Ambiental do proxecto de AltriGreenalia en Palas de Rei. O primeiro paso para permitir a súa instalación. A noticia que acabamos de recibir, non por esperada deixa de ser triste", clama o manifesto lido este domingo en Arzúa.
Cabe destacar que esta foi unha das concentracións que tiveron lugar este domingo na conca do Ulla, xa que a Plataforma Ulloa Viva chamou a encher "cada praza de cada pobo de Galicia" polos que pasa o río Ulla, entre eles, Antas, Melide, Arzúa e Palas de Rei. Ulloa Viva convocou concentracións en Agolada, Monterroso, Antas de Ulla, Chantada, Padrón ou A estrada, así como nas principais cidades galegas.
Con todo, foron varios os líderes políticos que se sumaron a esta concentración, entre eles, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a secretaria de Organización do Grupo Socialista, Lara Méndez, a segunda tenente de alcalde do Concello de Arzúa, Begoña Balado, e o secretario provincial do PSdeG na Coruña, Bernardo Fernández.
PONTÓN
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou este domingo en Arzúa a "dignidade" dos galegos fronte á "traizón" do PP, ao que acusou de "querer pasar por encima da xente". En declaracións aos medios antes de iniciar a concentración, a nacionalista denunciou que o Partido Popular pon os intereses dunha empresa portuguesa "por diante da xente que vive da agricultura, do queixo e do mar", así mesmo, sinalou que "se a macrocelulosa é tan boa, por que non a queren en Portugal".
"Estamos ante unha decisión política que o Partido Popular quere imporlle á xente deste país, sen importar que haxa unha oposición masiva a unha industria contaminante, que pon en risco o río Ulla, que pon en risco a ría de Arousa, que pon en risco tamén toda a produción agraria que hai nesta comarca", aseverou Pontón este domingo en Arzúa.
PSdeG
Pola súa banda, a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, advertiu este domingo en Arzúa de que a Xunta aprobou a Declaración de Impacto Ambiental "en contra" das directrices e preceptos da UE. Así, alertou do "interese desmedido" da Xunta para instalar a macrocelulosa de Altri "en contra dos requisitos ambientais, sociais e económicos".
Neste sentido, destacou a contestación social "moi importante" en contra do proxecto "con numerosas concentracións multitudinarias". Con todo, sinalou a "falta de información" respecto ao proxecto "desde o minuto cero" e subliñou que "o que ía ser unha planta téxtil agora é unha macrocelulosa".
CRÍTICAS DA XUNTA E DO PPdeG
Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, contestou á oposición da planta que proxecta a pasteira lusa Altri no municipio de Palas de Rei e sinalou que "non falen continuamente de bomba ambiental e digan que non queren o progreso".
"Non utilicen a desculpa ambiental. A parte ambiental está perfectamente garantida, porque así se estivo estudando, por parte dos técnicos. A DIA conclúe que non hai efectos significativos na implantación desta empresa", asegurou a conselleira en declaracións aos medios este domingo en Oroso. Desta forma, Vázquez asegurou que "non hai afección" sobre a saúde das persoas, sobre especies protexidas e sobre o Camiño de Santiago e "é perfectamente compatible" coa gandaría e a agricultura, "incluída a ecolóxica".
Por tanto, continuou Vázquez, "tranquilidade absoluta" desde o punto de vista ambiental e que esa "non sexa unha escusa", sobre todo, para "certos partidos, como o BNG". "Que digan a verdade de que é ideolóxico. Cambiaron de opinión ao día seguinte das eleccións. Teñen o seu dereito do mesmo xeito que a xente a saír á rúa, pero non poden estar a falar continuamente de bomba ambiental, que digan que non queren progreso", esgrimiu.
Tamén o deputado do PP e ex vicepresidente de Feijóo, Francisco Conde, apoiou a medida da Xunta e volveu pedir "compromisos" por parte do Goberno central para que financie a construción da megacelulosa. "Galicia e na provincia de Lugo pode xerar novas oportunidades para os nosos mozos", defendeu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.