A Xunta chama "demagogos" aos contrarios a Altri mentres que colectivos e veciñanza aumentan as protestas

A conselleira de Medio Ambiente di que a DIA da megacelulosa é "minuciosa" e foi aprobada "con gran cantidade de técnicos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2025 | Actualizada ás 19:13

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, defendeu este sábado a declaración ambiental favorable a Altri outorgada pola Xunta de Galicia e que se coñeceu este venres. Así, dixo que apoia un informe "minucioso" e "apoiado por gran cantidade de técnicos", cunha Administración "esixente". Unhas declaracións que chegan mentres que a veciñanza e colectivos afectados intensificaron xa as protestas contra esta decisión. 

A conselleira dixo que todas aquelas persoas que lexitimamente, dixo, estaban preocupadas pola saúde, as emisións e o consumo de auga, "poden estar tranquilas". "Todas as dúbidas quedan perfectamente clarificadas despois dun estudo minucioso por parte dunha gran cantidade de persoas que asinan un total de 42 técnicos, con coñecementos de cada un dos temas que abarca a implantación da empresa", remarcou.

Así mesmo, destacou que a evolución do proxecto "desde o inicio ata agora" foi "espectacular". "A Xunta foi moi esixente. Ademais do que é a lei, aínda fixo máis esixencias, e grazas a iso reducíronse achegas de nitróxeno e fósforo ata un 70%", explicou. "Logo vén a demagoxia e, ante a demagoxia, nada que dicir. A historia repítese. Non queren explicacións, só amedrentar. Non queren coidar o medio ambiente, só rédito político", concluíu.

Concentración contra Altri no Pico Sacro. A ULLA VIVA
Concentración contra Altri no Pico Sacro. A ULLA VIVA

PROTESTA ULLOA VIVA

O colectivo A Ulla Viva convocou unha concentración no Pico Sacro, en Boqueixón, para protestar contra a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) da planta que Altri. Así, os asistentes percorreron o tramo desde a capela de San Sebastián ata o acto do Pico Sacro. Unha vez alí, despregaron diferentes bandeiras e carteis contra a instalación da "macrocelulosa".

Este colectivo xa tiña programada esta actividade antes de que o Diario Oficial de Galicia (DOG) na xornada deste venres publicase a DIA favorable para o proxecto. "A Ulla Viva e o concello afectados polo proxecto da macrocelulosa, acolleron este venres como un mazazo esta primeira autorización da Xunta ao proxecto Altri-Greenalia", sinalou o colectivo nun comunicado.

Esta Plataforma A Ulloa Viva convocou para este domingo, día 16 de marzo, diferentes concentracións nos concellos da conca do río Ulla para protestar contra a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable que a Xunta outorgou á planta que a pasteira lusa Altri quere instalar no municipio lucense de Palas de Rei.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta