Por Galicia Confidencial | Lalín | 19/03/2025 | Actualizada ás 20:30
O Tibunal Superior de Xustiza de Galicia remata de anular a convocatoria da praza de Coordinador/a de Deportes do Concello de Lalín, dando a razón ao Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia (COLEF Galicia).
O Tribunal Superior fallou, en apelación, a favor do COLEF Galicia, anulando as bases, a
convocatoria e a adxudicación da devandita praza, despois de que, en primeira instancia,
o seu recurso fóra desestimado. Así, en relación a esa praza, existían dous pronunciamentos: un desfavorable ao COLEF e outro, favorable á CIG, que agora o Tribunal unifica anulando as bases, a convocatoria e a adxudicación da devandita praza.
A resolución xudicial destaca a esixencia da titulación universitaria en Ciencias da
Actividade Física e do Deporte como requisito indispensable para acceder a esta praza. Como sinalou o COLEF “este fallo supón un importante paso máis na defensa da profesión, co obxectivo de que os postos de dirección técnica na administración deportiva sexan ocupados por profesionais coa cualificación idónea”.
Queda constatado, unha vez máis, o incumprimento da Lei do Deporte de Galicia por parte dalgúns concellos, que continúan ignorando a normativa vixente ao non esixir a formación específica para cargos técnicos e de xestión deportiva. Cabe lembrar que, neste proceso de estabilización, todas as prazas relacionadas co deporte e a actividade física foron incluídas en categorías profesionais diferentes, contradicindo así a Lei do Deporte de Galicia, e para a de Coordinador de Deportes a única titulación válida esixida era licenciatura/grao en Psicoloxía e Máster ou equivalente.
Precisamente, o COLEF Galicia non foi o único que levou o proceso de estabilización de
Lalín aos xulgados. Tamén o sindicato CIG e USO Galicia, interpuxo recurso contencioso-administrativo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.