'Allariz Debuxado': dous días de actividades para os amantes da ilustración

Celebrarase a fin de semana do 11 e 12 de abril e este ano chega á súa VI edición con novos convidados e un amplo programa de actividades.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 08/04/2025 | Actualizada ás 12:50

Comparte esta noticia

O Allariz Debuxado celebrará este ano a súa sexta edición os días 11 e 12 de abril na fermosa vila do Arnoia. Este festival, consolidado na programación de eventos locais, estase convertindo xa nun referente para amantes e afeccionados da ilustración e a autoedición a nivel de Galicia grazas ao seu coidado programa e ao tractivo que ten Allariz para participar nos "Roteiros de Urban Sketching". O evento, organizado por Aira Editorial e a libraría Sindicato del Cómic, conta coa colaboración do Concello de Allariz e a Deputación Provincial.

Cartel do 'Allariz Debuxado'
Cartel do 'Allariz Debuxado'

Nesta edición haberá cinco convidados de luxo: o autor leonés Javi de Castro, a autora balear Anabel Colazo, a editora de Ediciones La Cúpula Natalia Mosquera, o tatuador e ilustrador ourensán Anxo Varela -Pruden Tattoo- e a ilustradora coruñesa Lucía Gómez "Michopocho".

O festival iniciarase o venres 11 de abril na Sala de Exposicións A Fábrica cunha sesión de coloquios dirixidos tanto a profesionais como a afeccionados. Durante a xornada abordaranse diversos aspectos do traballo artístico e da industria da ilustración, con charlas e mesas redondas que contarán coa participación dos invitados. Ademais, a xornada pecharase cunha sesión de sinaturas.

O sábado 12 de abril a atención centrarase no Mercadiño de Ilustración e Autoedición, que este ano contará con máis de trinta propostas de ilustradores profesionais, estudantes da Escola de Arte Antonio Faílde e proxectos editoriais independentes. Ademais, os asistentes poderán gozar de actividades como os Roteiros de Urban Sketching, sesións de sinaturas e un obradoiro infantil de creación de personaxes a cargo da ilustradora Lucía Cid.

As actividades do sábado 11 serán na Sala de Exposicións A Fábrica e o domingo 12 na Praza do Matadoiro (en caso de choiva, pasaranse ao espazo do día anterior).

María López, concelleira de Promoción Económica, acompañada de David Calviño, membro da organización. Foto: Comunicación Concello de Allariz.
María López, concelleira de Promoción Económica, acompañada de David Calviño, membro da organización. Foto: Comunicación Concello de Allariz.

O programa ao detalle está na web do Concello de Allariz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta