As máscaras de Pantalla non están en "Ginzo, de Orense", senón en Xinzo de Limia, en Ourense

BNG exixe rectificar e respectar a toponimia oficial galega por parte da Lotaría do Estado.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 07/04/2025 | Actualizada ás 12:18

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar unha batería de iniciativas nas Cortes para exixir ao Goberno que respecte a legalidade vixente en materia de toponimia e cese na utilización de formas deturpadas dos nomes de lugar na Galicia, como aconteceu recentemente nun décimo da Lotaría Nacional en que figuraban as formas incorrectas correspondentes a “Xinzo de Limia” e “Ourense”. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda a rectificación de Facenda e o cumprimento da lei nas futuras impresións de décimos de lotaría.

Billete de Lotería Nacional onde se deturpa o topónimo de Xinzo polo de Ginzo
Billete de Lotería Nacional onde se deturpa o topónimo de Xinzo polo de Ginzo

“A Lotaría depende de Loterías e Apostas do Estado, unha entidade pública adscrita ao Ministerio de Facenda, que debería dar exemplo no cumprimento dos dereitos lingüísticos da cidadanía e da normativa vixente” denuncia o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. O nacionalista sinala que a Sociedade Estatal dedica os seus décimos a divulgar patrimonio cultural, personaxes históricas, efemérides ou causas sociais, polo que “resulta especialmente grave que, ao mesmo tempo, incorra na vulneración da legalidade e no desprezo da lingua propia da Galiza”.

Neste sentido, Rego lembra que a Lei 3/1983, de 15 de xuño, de normalización lingüística, establece con claridade no seu artigo 10 que “os topónimos terán como única forma oficial a galega”. “As formas galegas son, por tanto, as únicas legalmente válidas, e toda referencia ou rotulación que se faga ten que concordar con elas” reivindica.

Na iniciativa rexistrada, o BNG reclama que o Ministerio de Facenda rectifique de inmediato a publicación do décimo no que se deturpan os nomes oficiais e que dea as instrucións precisas para que en futuras emisións de Lotaría Nacional se respecte estritamente a toponimia oficial galega. “Resulta totalmente intolerábel que se utilicen formas deturpadas absolutamente incorrectas e alleas á legalidade, especialmente cando falamos dunha entidade pública de titularidade estatal” esgrime o deputado nacionalista.

“O uso da toponimia deturpada vulnera os dereitos lingüísticos da cidadanía galega e incumpre compromisos internacionais como a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, da que o Estado español é asinante” engade Rego, quen lembra tamén que o Comité de Expertos do Consello de Europa ten advertido en numerosas ocasións ao Goberno español por este tipo de incumprimentos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta