Ourense tivo a temperatura máis alta do Estado en marzo, 30,3º

Destaca a precipitación mensual de Porto de Navacerrada, con 588,2 l/m2, o que supera por 208,2 l/m2, a anterior efeméride rexistrada en 1952

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/04/2025 | Actualizada ás 21:01

Comparte esta noticia

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) confirmou no seu avance climático mensual que marzo de 2025 foi o terceiro máis chuvioso da serie histórica do organismo, que comeza en 1961. Só o supera o marzo de 2018 e o de 2013. En concreto, a España peninsular rexistrou unha precipitación media de 148 litros por metro cadrado (l/m2), o que supón un 251% do valor normal para ese mes segundo o período 1991-2020. Con todo, Ourense rexistrou as temperaturas máis altas do Estado.

AEMET sinala que o mes foi moi húmido en case toda a Península e as illas Baleares, e mesmo extremadamente húmido en amplas zonas do interior peninsular, área mediterránea, zonas de Baleares, sur de Estremadura e Andalucía occidental. Á súa vez, tamén foi moi húmido nalgunhas zonas de Canarias.

De feito, rexistrouse unha precipitación media de 78,6 l/m2 en Baleares (un 220% do valor normal) e 47,2 l/m2 en Canarias (un 149%). Por outra banda, as precipitacións estiveron ao redor do normal en case toda a cornixa cantábrica e no norte de Navarra. Ademais, nalgunhas zonas do interior de Galicia, marzo tivo carácter seco.

De acordo co organismo estatal, rexistráronse marcas mensuais de precipitacións en practicamente un de cada catro observatorios principais da rede principal. Neste sentido, AEMET destaca a precipitación mensual de Porto de Navacerrada, con 588,2 l/m2, o que supera por 208,2 l/m2 a anterior efeméride rexistrada en 1952.

MARZO FOI O PRIMEIRO MES MOI FRÍO EN ESPAÑA DESDE NOVEMBRO DE 2021

O avance climático de AEMET indica tamén que marzo de 2025 foi en conxunto moi frío. A temperatura media sobre a España peninsular situouse en 8,9°C, valor que queda 0,9°C por baixo da media deste mes segundo o período de referencia 1991-2020. Deste xeito, constituíu o quinto marzo máis frío do século XXI e o vixésimo cuarto desde o comezo da serie en 1961.

De feito, foi o primeiro mes con carácter moi frío en España desde novembro de 2021. Neste tres anos e cinco meses, o 75% dos meses foron cálidos, moi cálidos ou extremadamente cálidos. "Tratouse, por tanto, dun período excepcionalmente cálido", destaca o organismo estatal.

Aínda así, especifica que marzo foi normal nalgunhas zonas costeiras de Galicia e normal ou cálido no cantábrico oriental e en zonas costeiras do mediterráneo andaluz, da Rexión de Murcia e do sur da Comunidade Valenciana. En Baleares tivo un carácter moi cálido --cunha media de 13,1ºC, superior en 0,8ºC á media do mes--, mentres que en Canarias resultou frío --cunha media de 15,2ºC, inferior en 0,6ºC á media mensual.

As temperaturas máis altas entre estacións principais corresponderon a Ourense, onde se mediron 30,3°C, e a Tortosa, con 28,9ºC, ambas o día 31. En canto ás temperaturas mínimas, destacaron os -7,0°C de Porto de Navacerrada observados o día 15, os -6,2°C de Molina de Aragón tamén o día 15 e os -5,7°C de Soria o día 17. Na estación principal de Teruel a media mensual das máximas diarias foi a máis baixa dun mes de marzo desde o comezo das observacións en 1987.

Xente bañándose pola onda de calor en Ourense
Xente bañándose pola onda de calor en Ourense | Fonte: ROSA VEIGA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta