Por Galicia Confidencial | Lugo | 03/05/2016 | Actualizada ás 17:57
O idilio entre a líder do PP de Lugo e o deputado case expulsado do PSdeG, Manuel Martínez, semella que non ten fin. Tras desvelarse os encontros que mantiñan nunha cafetería da provincia de Lugo antes de varios plenos importantes da Deputación de Lugo, semella que a súa boa sintonía continúa.
De feito, o acordo tácito que mantén o PPdeG con este deputado que algúns consideran xa coma un tránsfuga está provocando a paralización do organismo provincial. Este martes, a presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, foi máis alá nese apoio a Martínez e acusou ao actual presidente da Deputación Provincial, Darío Campos, de executar unha "manobra maquiavélica" para apartar a Manuel Martínez da presidencia da institución.
E a pesar de que foi ela unha das principais impulsoras dunha denuncia contra Martínez, na anterior lexislatura encargado de Vías e Obras, a líder popular di, agora, que a súa imputación “non podía ser o impedimento" para o seu nomeamento como presidente provincial.
A líder popular acusou a Besteiro e ao seu equipo de chegar a esta situación."Cantas veces non dixo Darío que se se lle arquivaba a imputación, deixaríalle a presidencia ao seu amigo Manolo. Onde está agora esta afirmación", preguntouse.
Elena Candia lembrou ante a prensa que Manuel Martínez foi "o gran defensor das siglas do Partido Socialista" dentro da Deputación de Lugo durante "moitos anos", pero opina que á actual situación chegouse despois de oito anos dun goberno que "practicaba todo aquilo que non debe facerse en política".
Martínez, “acabado”
Pola súa banda, o presidente da Deputación de Lugo, o socialista Darío Campos, sinalou que Manuel Martínez, "como político" está "acabado", porque a súa situación no Partido Socialista "non ten volta atrás", porque "está a lle facer dano" tanto á formación política como á institución provincial.
"Martínez é un neno, ao que se non lle dás o chupa chups que quere, non quere outro, e ese é o problema", dixo e criticou que é "unha persoa co ego moi alto" e está "a lle facer dano tanto ao Partido Socialista como a esta institución".
Tamén se referiu a desimputación de Martínez. "Alégrome, porque esa sentenza tamén vén dicir que o goberno bipartito anterior non cometeu ningunha irregularidade no cambio de trazado dunha estrada en Portomarín que foi investigado pola Xustiza”, engadiu.
Por iso, aproveitou para pedirlle ao Partido Popular que "deixe de xudicializar a vida política", porque "do que se trata é de non embarrala máis”. "Xa lle demos bastantes voltas a este tipo de cousas, que ao final non nos conducen a nada", engadiu, ademais de propor que todos os grupos traballen "xuntos" polo "sesenta e sete concellos da provincia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.