Por Galicia Confidencial | Lugo | 05/05/2016 | Actualizada ás 15:09
O ex secretario xeral do PSdeG, José Ramón Besteiro, sigue sendo un “activo importante” dentro do PSdeG. Iso é o que cre, cando menos, o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, que afirmou este mércores que podería volver á primeira liña da política tras dimitir por dúas causas xudiciais que abríu contra el a xuíza Pilar de Lara.
"Non sei se pode volver ou non, teno que decidir el. É un tema persoal. Non vería inconveniente en que volvese, se resulta desimputado, pero obviamente ten que decidilo el", dixo Campos ao ser preguntado ao respecto.
Desde o seu punto de vista, "todo é posible na vida" e, ademais, Gómez Besteiro "sufriu unha persecución" que xerou a súa saída da dirección do PSdeG e a renuncia a ser candidato á Xunta, lembrou.
Ademais, e sobre a suposta “tutela” de Besteiro ao candidato Xaquín Fernández Leiceaga, o presidente provincial dixo descoñecer isto e lembrou que "calquera que sexa militante do Partido Socialista pódese presentar a candidato e iso vaise a decidir nas primarias". "Non creo que teña máis importancia se es dun lado ou es doutro", porque "o importante é facer un bo proxecto para Galicia", engadiu.
De Lara continuará xulgando a Besteiro
Con todo, e para que Besteiro volva á vida activa política ten que ser desimputado das dez denuncias que pesan sobre el nas dúas causas que tramita a xuíza de Lara. Precisamente, este xoves, a Físcalía daba a coñecer que, finalmente, oponse ás causas de recusación formuladas contra a maxistrada pola defensa de Besteiro na denominada operación Garañón, un incidente que foi admitido a trámite e que apartou á instrutora da causa, polo menos temporalmente.
Nun escrito, o fiscal José Luís Álvarez, aclara que "unha vez completada a instrución do presente incidente", sobre o que terá que pronunciarse a Audiencia Provincial de Lugo, a Fiscalía "emitirá o debido informe razoado". En calquera caso, tamén precisa que a Fiscalía se opón ás causas de recusación formuladas" pola defensa de Besteiro, por "considerar que as circunstancias expostas polo recusante non se atopan comprendidas dentro dos supostos previstos".
"Non se expón, nin se argumenta a existencia dunha situación de amizade íntima ou inimizade manifesta con calquera das partes; nin, moito menos, a tenencia dun interese directo ou indirecto na causa", engade.
Segundo o seu criterio, "toda a exposición e argumentación efectuada polo recusante vira" ao redor da suposta relación da xuíza "co letrado dunha das partes", en concreto co avogado de Besteiro, o que "carece de encaixe legal como supostos de abstención ou recusación". Apunta que "os letrados e procuradores" que interveñen nun procedemento "carecen da consideración de parte procesual, calidade unicamente aplicable aos seus representados ou defendidos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.