O PSOE de Lugo sae en defensa de Besteiro

Darío Campos reitera a súa "confianza" no ex secretario xeral e cre que a xuíza está a "buscar pistas onde non as hai". Besteiro acóllese ao seu dereito de non declarar.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 11/05/2016 | Actualizada ás 17:19

Comparte esta noticia

O PSOE de Lugo, co presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, á cabeza, saíu na defensa do ex secretario xeral deste partido, José Ramón Besteiro, que declarou este mércores como investigado diante da xuíza Pilar de Lara dentro do marco das investigacións da Operación Pulpo. Así, reiterou a súa "confianza" en quen foi o líder dos socialistas galegos.

Besteiro acode coa súa avogada para declarar pola Operación Pulpo
Besteiro acode coa súa avogada para declarar pola Operación Pulpo | Fonte: EP

Besteiro acolleuse o seu dereito a non declarar ao considerar que non coñece a maior parte do sumario polo que é investigado. “Esta investigación está a facer dano á institución e á honra de moita xente", dixo Campos ao respecto. "Eu creo que non é nada. Non vou dicir que é unha montaxe, pero é buscar pistas onde non as hai", engadiu.

Por iso, pediu "rapidez" á Xustiza, ao tempo que mostrou unha vez máis a súa "confianza no anterior goberno e en todos os funcionarios desta casa". Tanto Besteiro como a que foi a súa xefe de Comunicación acolléronse este mércores ao seu dereito a non declarar amparándose no segredo de sumario que aínda pesa sobre algunhas partes da investigación.

A diferencia doutras ocasións, o PP evitou pronunciarse ao respecto. Neste sentido, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, considerou que a decisión de Besteiro, de acollerse ao seu dereito a non declarar, "responderá á súa estratexia". "Se esa foi a decisión que tomou, supoño que responderá á súa estratexia, aconsellado polo seu avogado", indicou.

A Operación Pulpo arrancou en 2013 por un suposto caso de acoso laboral entre dous traballadores da Deputación de Lugo, se ben en marzo deste ano a xuíza decidiu imputar a sete cargos e funcionarios da institución ao detectar "irregularidades" na xestión do programa turístico 'Km0', adxudicacións "ilícitas" para "favorecer" a Monbus e subvencións "fraudulentas" a entidades deportivas relacionadas con Raúl López, como o Breogán de baloncesto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta