Temas: PETRóGLIFO

Denuncian o abandono da área de petróglifos da Ran en Cuntis

Veciñanza critica que o estado que presenta actualmente é “lamentable, de abandono absoluto” e responsabiliza ao concello desta situación.

Por Galicia Confidencial | Cuntis | 15/05/2016 | Actualizada ás 18:35

Comparte esta noticia

A agrupación municipalista Veciñanza acaba de denunciar o abandono da área de petróglifos da Ran por parte do novo bipartito do Concello de Cuntis. “O total abandono no que se atopan non só dificulta a súa visita, senón que ademais dá unha imaxe deplorable do noso municipio e da política que se leva a cabo para a conservación do patrimonio histórico-artístico”, denuncia nun comunicado.

Denuncian abandono da área de petróglifos da Ran en Cuntis
Denuncian abandono da área de petróglifos da Ran en Cuntis | Fonte: Veciñanza

Cuntis presenta un rico catálogo de bens patrimoniais debidamente catalogados pola Xunta de Galicia (Lei 8/1995, do 30 de outubro, de Patrimonio Cultural d e Galicia). Sen dúbida, a área de petroglifos da Ran é unha das principais referencias. Nela investíronse no ano 2009 case 26.000 euros para acondicionar a zona, limpala, sinalizala e adecuala cos debidos camiños, iniciativa naquela altura da Asociación para o desenvolvemento dos Vales do Ulla e Umia.

Por medio de folletos, distintas publicacións culturais e a mesma páxina web municipal (www.turismodecuntis.es) faise publicidade destes recursos patrimoniais e turísticos, os cales calquera visitante vaino ter ben complicado de localizalos. “O total abandono no que se atopan non só dificulta a súa visita, senón que ademais dan unha imaxe deplorable do noso municipio e da política que se leva a cabo para a conservación do patrimonio histórico-artístico”, engade.

Por iso, critican que este primeiro ano de bipartito en Cuntis “non supuxo gran avance no que se refire ao coidado dos bens patrimoniais do noso municipio, e o que vemos é continuidade a respecto da nefasta lexislatura anterior neste aspecto”.  “O Goberno de Cuntis amosa unha total deixazón de funcións neste aspecto, desprotexendo por completo estas áreas”, engade.

O estado que presenta actualmente é “lamentable, de abandono absoluto”, segundo Veciñanza. “Nin durante a lexislatura pasada nin no que vai desta se acometeu ningunha actuación de mantemento nin conservación nas zonas rupestres polo que, arestora, non se distinguen os camiños de xabre, os indicadores agóchanse entre as silveiras e falta xa algún panel divulgativo dos que se instalaran”, suliña.

Vertedoiros ilegais nunha na área de petróglifos da Ran, en Cuntis
Vertedoiros ilegais nunha na área de petróglifos da Ran, en Cuntis | Fonte: Veciñanza

Ao non existir coidado desta área patrimonial, apunta que as matogueiras invaden todos os recunchos xerando riscos potenciais como a proliferación de lumes forestais, que serían devastadores para os gravados. Ademais, di que a vexetación, alén de ocultar as rochas con gravados prehistóricos da Idade do Bronce, provoca que moitos sexan dificilmente localizables.

Por outra banda, os camiños de acceso xa nin se contemplan en moitos casos. “Son varios os focos nos que se teñen atopado vertedoiros incontrolados, con restos de esqueletos de animais, materiais de obra e restos vexetais de podas”, engade.

Ademais dos lumes, Veciñanza apunta que a proliferación de diversos tipos de liques na pátina superficial das laxes insculturadas fan que estes poidan padecer, a medio ou longo prazo, danos significativos irreversibles que ocasionarían a deterioración dos conxuntos rupestres.

Temas: PETRóGLIFO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta