O xuízo da ‘Operación Campeón’ non se espera até o verán de 2017

Fontes dunha das defensas sitúan a posible data para dentro dun ano.

Por E.P. | LUGO | 04/08/2016 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

A celebración do xuízo oral pola denominada 'Operación Campeón', instruída polo Xulgado de Instrución número 3 de Lugo, non se espera ata "verán do próximo ano (2017)", segundo apuntaron este xoves fontes dunha das defensas.

No centro, as xuízas Estela San José e Pilar de Lara, responsábeis a primeira da Operación Campeón e a segunda das operacións Carioca e Pokemon
No centro, as xuízas Estela San José e Pilar de Lara, responsábeis a primeira da Operación Campeón e a segunda das operacións Carioca e Pokemon | Fonte: socialistasdenavia.blogspot

Nesta causa foron investigados varios cargos do Igape imputados, xunto co empresario lucense Jorge Dorribo e o seu socio en Nupel, entre outras persoas imputadas neste proceso sobre supostas concesións irregulares de subvencións a través desa sinatura farmacéutica lucense que dirixía o considerado principal procesado.

Estas mesmas fontes precisaron que xa se presentaron escritos de acusación e o proceso está na fase de "presentación dos escritos de defensa", polo que a causa se atopa no que en termos procesuais se define como "fase intermedia".

Unha vez resolto isto, remítese á Audiencia Provincial de Lugo, aínda que antes se deberán de dirimir "probas anticipadas solicitadas por varias das defensas", segundo concretaron as mesmas fontes.

Tras iso é cando a Audiencia de Lugo pode ditar o "acto de xuízo oral", polo que as mesmas fontes insistiron que non antes de fin deste ano e trasladando a posible data ao verán de 2017.

A 'Operación Campeón', iniciada en maio de 2011 baixo a instrución de Estela San José, salpicou tamén a altos cargos políticos de varios partidos, algún eximido de responsabilidades, como foi o caso do exministro José Blanco.

APERTURA DE XUÍZO

O pasado mes de xuño o Xulgado de Instrución número 3 de Lugo decretou apertura de xuízo oral na denominada 'Operación Campeón', na que se investigou unha suposto fraude en axudas e subvencións do Igape -con exaltos cargos deste instituto de crédito dependente da Xunta como acusados- e que ten como principal implicado o considerado xefe da trama, o empresario lucense Jorge Dorribo.

O xulgado decretou apertura de xuízo oral nesta operación, na que mantén a acusación formulada pola Fiscalía contra 13 persoas, mentres que a acusación particular exercida pola Xunta acusa a nove persoas e a feita pola Axencia Tributaria, só a unha, ao considerado xefe da trama.

A de xuño era unha resolución firme contra a que non cabía recurso, agás no relativo á situación persoal dos acusados. O principal delito que se perseguiu é a fraude contra a Facenda Pública, aínda que tamén se investigaron falsidade en documento mercantil, suborno, branqueo de capitais, delito contable e insolvencia punibles.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta