(Análise) Galicia necesita outro tipo de política económica

Xosé Antón Rodríguez, catedrático de economía na Facultade de Económicas e Empresariais da USC, analiza neste artigo a política económica de Galicia e aporta posibles suxerencias para mellorala.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/06/2024 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

Ante o comezo dunha  nova lexislatura en Galicia, pode ser oportuno preguntarse se, nas últimas décadas, a nosa comunidade tivo  unha política económica efectiva. Efectiva no senso de se  dita política deu  resultados que lle permitiron un desenvolvemento económico e social ao nivel das comunidades autónomas  máis avanzadas do Estado español, ou como mínimo por riba da media de ditas comunidades.

Préstamo de diñeiro
Préstamo de diñeiro | Fonte: ASNEF

Unha posible contestación a pregunta anterior pódese encontrar no coñecido  libro dos profesores Acemoglu e Robinson, titulado “Por que fracasan os países”. Deste libro fascinante, que fai un percorrido polos distintos  períodos da historia da humanidade (aborda catrocentos anos de historia), poden sacarse moitas conclusións. Eu destaco unha: os países, rexións ou comunidades fracasan porque as súas institucións políticas non son capaces de levar a cabo políticas económicas inclusivas que permitan aproveitar plenamente a potencialidade dos seus territorios e, de maneira fundamental,  aproveitar plenamente a capacidade e talento das persoas (de tódalas persoas) que configuran ditos espazos económicos. Estes resultados volven a reafirmar, sen dúbida, o “poder das persoas”, nunha dobre vertente: as persoas como axentes que son capaces de consensuar institucións políticas adecuadas que posibiliten o establecemento das indicadas políticas económicas inclusivas; por outra parte, as persoas que, cos seus proxectos vitais e económicos, son as que determinan en última instancia o destino dos pobos. Entre a poboación, dos distintos territorios,  xoga un papel esencial o segmento da xuventude polo seu poder transformador e xerador de valor social, e porque a xuventude é a responsable de asegurar o relevo xeracional mediante o mantemento dun nivel mínimo de natalidade.

Unha simple análise da evolución (nas últimas décadas) dalgúns indicadores,  nos que se inclúen as persoas de Galicia en relación a media do Estado español, poñen de manifesto que non se levou a cabo a mencionada política económica inclusiva: en Galicia  perdemos máis poboación,  a xuventude emigra máis, o talento fuxe máis, a natalidade cae máis, a alumnado das nosas universidades cada vez representa menos en relación ao total do alumnado do Estado, ofertamos empregos relativamente menos atractivos ou temos relativamente menos oferta  de prazas residenciais publicas para os nosos maiores. 

A pesares de esta realidade obxectiva, nos medios de comunicación é frecuente ler que a economía galega evoluciona ben, dado que o seu PIB por persoa  crece “incluso” por riba da media do resto de comunidades autónomas. Debería explicarse que este indicador non é axeitado para facer comparativas dado que para a súa interpretación hai que ter en conta o que se produce en cada comunidade, pero tamén hai que considerar a evolución da súa  poboación (o denominador). Se en vez de utilizar este indicador, analizamos a evolución da contribución de Galicia ao PIB global de España, o resultado é que cada vez temos menos peso relativo, en concordancia con unha Galicia relativamente máis pequena en termos de persoas, xuventude, capacidade e talento.

O talento é un elemento moi importante nas economía modernas. Ata tal punto é relevante que os distintos espazos económicos a nivel mundial, dentro das súas estratexias de política económica, establecen distintos programas coa finalidade de reter e atraer esas capacidades tan prezadas das persoas. En Galicia tamén contamos co programa “Oportunius” para reter e atraer talento investigador de primeiro nivel;  agora ben, se compara o seu contido e resultados con outros programas implantados no Estado español, como poden ser os caso do “Ikerbasque” (Pais Vasco) ou “ICREA” (Cataluña), observase unha grande distancia. En consecuencia, non somos capaces de competir para atraer talento e, o que máis importante, non somos capaces de reter o talento dispoñible ante as forzas dun mercado global no cal só se pode competir con apostas sólidas e decididas.

É obvio que, a vista dos datos, a política económica levada a cabo nos últimos anos desde a Xunta de Galicia, non foi efectiva en termos relativos, dado que tivo  como consecuencia unha Galicia relativamente menos importante, económica e socialmente,  no contexto de España. Por tanto, esta política debe mudar. Para reorientala débese   aprender da experiencia, dos casos de éxito,  dos países ou rexións que non fracasaron ao longo da historia. Os que non fracasaron foron aqueles espazos económicos que principalmente estableceron políticas económicas sólidas e decididas nas cales o eixo fundamental foron as persoas, o aproveitamento da capacidade plena dos seus habitantes, en particular e de maneira específica o aproveitamento da capacidade e do talento da xuventude. Sen coidar a xuventude, sen darlle oportunidades, non hai futuro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta